A profesora da Facultade de Informática da UDC Verónica Bolón, elixida nova académica de número da Academia Joven de España

Nota de prensa
3/06/20 9:38
  • Institucional

• Un comité internacional participou na elección de 13 novos investigadores entre os que se atopan seis receptores das prestixiosas axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC-Starting Grant e Consolidator), o último galardoado co Premio Princesa de Girona e varios investigadores do Programa Ramón e Cajal. • Verónica Bolón investiga temas relacionados coa Intelixencia Artificial e colabora con grupos de investigación nacionais e internacionais. Dúas das súas publicacións son Highly Cited Papers. • Comprometida co fomento de vocacións tecnolóxicas entre as nenas, é secretaria da Asociación Española para a Intelixencia Artificial.

A Coruña, 3 de xuño de 2020.- A profesora do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da Facultade de Informática da Universidade da Coruña Verónica Bolón Canedo foi elixida nova académica de número da Academia Joven de España.

No proceso de selección participou un comité internacional formado por investigadores de gran prestixio que abarcan distintas áreas do coñecemento. A esta convocatoria presentáronse 185 candidaturas, elixindo só o 7% das solicitudes, nun proceso altamente competitivo debido á excelente traxectoria profesional das candidaturas.

A idade media dos trece novos académicos é de 39 anos, sendo seis deles mulleres. Os seus perfís cobren diferentes ámbitos do coñecemento incluíndo historia, informática, química, bioloxía, ciencia de materiais, veterinaria, bioenxeñaría e psicoloxía. Entre eles hai tres investigadores que se atopan traballando fóra de España porque unha das características da Academia Joven de España é que permite a mozos investigadores españois que traballen no estranxeiro ser Académicos de Número. Esta novidade introduciuse para fomentar a colaboración entre mozos investigadores españois e para vincular a aqueles que están no estranxeiro coas institucións académicas do país.

Os novos Académicos de Número da Academia Joven de España son: Cristina Blanco Sío-López, Verónica Bolón Canedo (UDC), Jesús Campos Manzano, Rubén Darío Costa Riquelme, Ana María Díez Pascual, Fernando López Gallego, María Martínez Valladares, María Moros Caballero, Idoia Murga Castro, Jonatan Ruiz Ruiz, Samuel Sánchez Ordoñez, Antonio Verdejo García e Víctor Vilarrasa Riaño. Entre eles atópanse seis receptores das prestixiosas axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC-Starting Grant e Consolidator), o último galardoado co Premio Princesa de Girona e varios investigadores do Programa Ramón y Cajal. En total, os trece novos membros da Academia Joven de España son autores de máis de 1.000 artigos científicos.

 

Verónica Bolón Canedo

Verónica Bolón Canedo é Enxeñeira Informática (2009) e Doutora en Informática (2014) pola Universidade da Coruña (UDC). Despois dunha estancia postdoutoral na Universidade de Manchester (Reino Unido) en 2015, actualmente é Profesora Axudante Doutora no Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da UDC e investigadora no Centro de Investigación TIC (CITIC). A súa tese de doutoramento, sobre métodos de aprendizaxe automática, recibiu varios premios por parte da Asociación Española para a Intelixencia Artificial, así como o premio extraordinario de doutoramento da UDC.

Actualmente traballa en temas de investigación relacionados con varias áreas da Intelixencia Artificial, especialmente en Aprendizaxe Máquina para Big Data, colaborando con grupos de investigación nacionais e internacionais. É autora de dous libros, varios capítulos de libro, un libro editado, e máis de 80 artigos en congresos internacionais e revistas de alto impacto (dúas das súas publicacións son Highly Cited Papers). En 2018 recibiu unha Bolsa Leonardo da Fundación BBVA para o seu proxecto de investigación “Cando o tamaño importa: Selección de características para wearables”. Desde 2018 é Secretaria da Asociación Española para a Intelixencia Artificial. Está moi comprometida co fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas, participando en actividades de divulgación e coordinando o nodo da Coruña do proxecto Inspira STEAM

 

Sobre a Academia Joven de España:

A Academia Joven de España fundouse en 2019 por sete investigadores españois membros da Academia Joven Global. Entre os seus obxectivos destacan:

  • Promover a ciencia como opción profesional entre a mocidade mediante a visibilización de mozos/as excepcionais de calquera país, e en particular de España, como modelos a seguir.
  • Promocionar a capacitación científica a través do fomento do saber, a investigación e a innovación como motores do desenvolvemento económico, e apoiar o intercambio entre investigadores novos de diferentes institucións, tanto nacionais como internacionais.
  • Servir de foro e plataforma para os investigadores de España de forma que teñan a oportunidade de colaborar e contribuír a dar forma ás políticas de fomento do coñecemento no país.

Desde o próximo ano, incorporaranse anualmente 10 novos Académicos ata completar o número de 50, que é o máximo que permiten os Estatutos, xa que o nomeamento é válido durante 5 anos.

Desde a súa fundación, a Academia Joven de España elaborou distintos informes que remitiu ao Ministerio de Ciencia e Innovación sobre o desenvolvemento de novas vacinas, a prevalencia do SARS-CoV-2 en distintos medios e a suficiencia sanitaria en España. Ademais, organizou unha serie de webinars para dar a coñecer a contribución da ciencia española á loita contra a COVID-19.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC