A preservación da paisaxe é fundamental para afondar na súa protección desde unha perspectiva urbanística, arquitectónica e industrial

Nota de prensa

3/05/24 13:45

  • Institucional
  • A UDC celebrou hoxe unha xornada dirixida ao profesorado do Grao en Paisaxe, compartido pola Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC).

 

A Coruña, 3 de maio de 2024.- A Fundación Barrié acolleu hoxe a xornada "A paisaxe e os desafíos do seu ensino", un encontro organizado polo Grao en Paisaxe, que se imparte na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña xunto coa Escola Politécnica Superior de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.

Unha xornada na que o vicerreitor de Titulacións e Internacionalización da Universidade da Coruña, Moisés Canle, destacou o emblema que constitúe para a UDC a Escola Técnica Superior de Arquitectura, máis antiga que a propia UDC e que ofrece xa unha idea da relevancia da integración da arquitectura e o urbanismo na paisaxe. “A Coruña sempre se preocupou por estes temas que teñen grande influencia na poboación, motivo polo que se quixo implementar o Grao en Paisaxe, co obxecto de formar a profesionais en Galicia especializados na intervención da paisaxe de forma adecuada e respectuosa”, explicou Canle. 

Unha visión compartida pola  directora da Fundación Barrié, Carmen Arias, quen destacou que a ETSAC “foi unha das iniciativas persoalmente promovidas polo noso fundador e, como tal, ten unha relevancia moi especial para a Fundación Barrié. É unha gran satisfacción acoller esta xornada ante todo porque construír, no máis amplo sentido da palabra, non só edificios e espazos, senón redes e coñecemento, é o noso cometido común”.

Pola súa banda, Francisco Dinís Díaz Gallego ensalzou a gran labor da UDC potenciando esta titulacións, posto que “nas administracións públicas faltan profesionais da paisaxe”.

O concelleiro de Urbanismo Rehabilitación e Vivenda agradeceu a contribución de profesorado e alumnado UDC á contribución do Plan Xeral elaborado en 2023 e anunciou que grazas ás alumnas do grao que realizaron prácticas no Concello da Coruña, motivouse a creación dunha praza para un graduado en paisaxe nesta administración.  

Miguel Abelleira, director da ETSAC destacou a importancia deste grao conxunto, que “estamos sometendo á renovación da acreditación”, dado que “a paisaxe é fundamental nunha terra coma a nosa, onde o proceso de transformación do ser  humano ten sido determinante”.

Abelleira manifestou a necesidade de “formar a  profesionais e persoas con espírito crítico e con propostas que teñan que ver cunha mellor transformación da paisaxe, e que sexa sustentable para transmitir unha mellor herdanza en termos paisaxísticos ás xeracións futuras”.

Na segunda parte da xornada tivo lugar unha mesa de presentacións e debate sobre os graos de paisaxe existentes nas universidades españolas, onde se falou da demanda crecente por este tipo de profesionais da paisaxe e da alta empregabilidade que posúe o grao, motivo grazas ao cal a matrícula vaise incrementando e nalgúns casos incluso tiveron que aumentar o número de prazas.

Tamén se incidiu nas múltiples opcións para desenvolver a profesión, en temas como o plan, a xestión do territorio nas súas distintas escalas, o traballo para as administracións públicas... Para iso, a formación que reciben nas diferentes materias é ampla e multidisciplinar, realizando prácticas profesionais durante a carreira e expoñendo os exercicios con casos reais.

Como conclusión, insistiuse na necesidade e a importancia deste título na sociedade contemporánea, especialmente para un territorio cun patrimonio natural e cultural tan rico como o de Galicia.

O Grao en Paisaxe

O Grao en Paisaxe e unha titulación universitaria de alta empregabilidade impartida pola Universidade da Coruña, a través da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña; e a Universidade de Santiago de Compostela, na Escola Politécnica Superior de Lugo; onde se forman profesionais expertos na intervención e formalización da paisaxe, con especial atención ao coñecemento do medio físico e os seus procesos biolóxicos. O Grao reúne os contidos xeográficos e construtivos co uso das novas tecnoloxías para formar paisaxistas especialistas no medio ambiente e na intervención formal no territorio.

 

Foto 1: de esquerda a dereita, Francisco Dinís Díaz, concelleiro de Urbanismo,  Rehabilitación e Vivenda do Concello da Coruña; Carmen Arias, directora da Fundación Barrié, Moisés Canle, vicerreitor de Titulacións e Internacionalización da Universidade da Coruña, e Miguel Abelleira, director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.

 

Foto 2: a xornada "A paisaxe e os desafíos do seu ensino", organizada polo Grao en Paisaxe, que se imparte na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña xunto coa Escola Politécnica Superior de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, tivo lugar hoxe na Fundación Barrié.

 

Foto 3

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC