A investigadora da UDC Pilar Díaz, Premio Provasoli ao mellor paper do ano na revista da Phycological Society of America

Nota de prensa
10/10/18 13:27
  • Institucional

A Coruña, 10 de outubro de 2018.- A investigadora da Universidade da Coruña Pilar Díaz Tapia obtivo o Provasoli Award 2017, concedido pola Phycological Society of America ao mellor paper do ano publicado na revista desta sociedade que leva como título “Analysis of chloroplast genomes and a supermatrix inform reclassification of the Rhodomelaceae (Rhodophyta)”.

A profesora da Facultade de Ciencias que desenvolve a súa investigación no grupo de Bioloxía Costeira do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da UDC (CICA) é a primeira autora dun artigo realizado en colaboración con Christine A. Maggs, Queen´s University Belfast; John A.West; The University of Melbourne, e Heroen Verbruggen, The University of Melbourne. A entrega do premio tivo lugar no transcurso do 72nd Annual Meeting of the Phycological Society of America, na University of British Columbia, Vancouver.

Esta publicación é un dos resultados do proxecto postdoutoral da investigadora Díaz Tapia. As colaboracións cos outros autores derivan das estadías da investigadora coruñesa nas súas respectivas universidades. O artículo destaca porque é un dos primeiros en utilizar análises filoxenómicos para resolver filoxenias difíciles de macroalgas e empregalas no estudo da súa clasificación e evolución. Presenta por primeira vez filoxenias moleculares para as Rhodomeláceas, a familia máis diversa das algas vermellas. Esas filoxenias inclúen a análise de 56 xenomas do cloroplasto e unha supermatriz que inclúe datos de secuencias de ADN para máis de 400 especies. 

Máis información: http://www.psaalgae.org/provasoli-award/

Pé de fotos:

-Fotografía oficial da entrega do premio. De esquerda a dereita: Michael H. Graham -Managing Editor do Journal of Phycology; Pilar Díaz-Tapia -autora 1-; Alison Sherwood -Presidenta da Phycological Society of America-; Morgan Vis -Consello de Administración da PSA-; Heroen Verbruggen -autor 4-; Christine A. Maggs - autora 2.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC