A Coruña, 4 de setembro de 2019.- A investigadora da Universidade da Coruña Elena Pazos, que se incorporou á Academia en 2017 co programa de captación de talento Intalent de UDC e a empresa Inditex, acaba de obter unha axuda de 1,5 millóns de euros da Unión Europea para desenvolver un proxecto de investigación para crear novos materiais moleculares intelixentes que respondan aos cambios do contorno e cambien a súa función, segundo explicou esta mañá nunha rolda de prensa na Reitoría na que compareceu xunto co reitor da UDC, Julio Abalde, e o Adxunto a Investigación da Vicerreitoría de Política Científica, Investigación e Transferencia, Horacio Naveira.
Elena Pazos conformará un equipo de investigación para o que contratará seis novos investigadores para realizar este proxecto europeo nos próximos cinco anos no Centro de Investigacións Científicas Aplicadas (CICA) onde ten o seu laboratorio. “Desenvolveremos ciencia básica e coñecemento para crear novos materiais”, explicou, “a moi longo prazo este coñecemento terá aplicacións en electrónica e biomedicina”.
O reitor destacou na súa intervención a valía desta investigadora e dos seus proxectos de investigación. “Facer ciencia de calidade é un obxectivo estratéxico da Universidade da Coruña”, resaltou destacando ademais os bos resultados obtidos polos investigadores do programa de captación de talento InTalent UDC-Inditex, que ademais desta axuda europea conseguiron tamén dous proxectos nacionais Ramón y Cajal. Neste punto, Elena Pazos agradeceu expresamente á empresa Inditex e á propia Universidade a creación deste programa porque “me deu a oportunidade de iniciar as miñas propias liñas de investigación”.
O Consello Europeo de Investigación (ERC) fixo público onte a concesión das axudas Starting Grant, un programa dotado con 621 millóns de euros. Cada ano a Unión Europea selecciona aos mellores talentos da ciencia baseándose no curriculum vitae dos investigadores e no seu futuro prometedor como científicos. Nesta edición, en España obtiveron axudas 20 investigadores dun total de 408 científicos becados en 51 países diferentes. Galicia conseguiu dúas axudas, a da Universidade da Coruña e a do Instituto de Ciencias do Patrimonio.
Historicamente, ésta é a terceira Starting Grant que acadan os investigadores da Universidade da Coruña co soporte da Vicerreitoría de Política Científica, Investigación e Transferencia e, sobre todo, da OTRI.
Pola súa banda, Horacio Naveira fixo unha encendida defensa da ciencia básica sen a cal, asegurou, “non hai futuro”.
Elena Pazos Chantrero (Marín) doutorouse pola Universidade de Santiago de Compostela en 2012 baixo a supervisión dos profesores José Luís Mascareñas e M. Eugenio Vázquez, traballando na síntese de sensores fluorescentes para a detección dalgunhas proteínas implicadas en cancro. Durante a súa etapa doutoral foi estudante visitante no Trinity College Dublin (Irlanda) e na Universidade de Illinois en Urbana-Champaign (Estados Unidos). Ao finalizar o seu doutoramento, recibiu unha beca postdoutoral da Fundación Barrié que lle permitiu unirse ao grupo do profesor Samuel I. Stupp na Universidade de Northwestern nos Estados Unidos, onde levou a cabo investigacións no campo da química supramolecular e da bionanotecnoloxía. Tras a súa etapa postdoutoral, traballou na spin-off Medcom Advance como investigadora durante un ano, e en decembro de 2015 incorporouse no grupo do profesor Ramón Álvarez Puebla no Centro Tecnolóxico da Química de Cataluña como investigadora TECNIOspring e Marie Curie. Ao longo da súa carreira investigadora publicou quince artigos científicos, a maioría deles en revistas con alto impacto no ámbito da química, e algúns dos resultados da súa investigación foron protexidos con dúas patentes. En 2017 incorporouse á Universidade da Coruña, na primeira convocatoria do programa de captación de talento InTalent UDC-Inditex.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC