A Coruña, 20 de outubro de 2025 .– A Asociación Española Contra o Cancro e a Universidade da Coruña (UDC) presentaron hoxe a ampliación da iniciativa Espazos Sen Fume aos campus de Oza, Riazor, Bastiagueiro e a Reitoría. Durante a xornada presentouse a nova sinalización, xa instalada, que identifica estes espazos como áreas libres de tabaco e vapeo, e que se complementa coa colocación de bandeirolas informativas en puntos estratéxicos e vinilos nos principais edificios universitarios.
O acto contou coa presenza de Manuel Aguilar, presidente da Xunta Provincial da Asociación Española Contra o Cancro na Coruña, que estivo acompañado por Ana Ares, vicerreitora de Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, e Sergio Santos, director de UDC Saudable.
A iniciativa reflicte o compromiso compartido de ambas as dúas entidades coa saúde e o benestar da comunidade universitaria. A creación destes espazos contribúe a desnormalizar o consumo de tabaco e dispositivos electrónicos. Esta declaración chega ademais poucos meses despois de que se estendese tamén o distintivo Espazo Sen Fume a todo o Campus de Ferrol, avanzando así nunha rede universitaria libre de fume.
Programa “Outubro Saudable”
A declaración dos novos espazos enmárcase dentro do “Outubro Saudable”, o programa anual de promoción da saúde impulsado polo Servizo UDC Saudable. Ao longo do mes estanse a desenvolver diferentes accións de sensibilización e prevención, como mesas informativas dinamizadas por voluntariado da Asociación Española Contra o Cancro en varias facultades dos campus da Coruña. Nestes puntos ofrécese información sobre a prevención do cancro de pel e os riscos asociados ao consumo de tabaco e ás novas formas de inxestión de nicotina, tanto tradicionais como electrónicas.
O programa inclúe tamén charlas informativas sobre temas de prevención. A primeira celebrouse o 7 de outubro na Facultade de Dereito, e abordou os perigos e consecuencias do tabaco tradicional e das novas formas de consumo. A segunda terá lugar o 23 de outubro, na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, e centrarase na prevención do cancro de pel, con especial atención ás persoas deportistas.
74 Espazos Sen Fume activos na provincia
Con esta ampliación, a Asociación Española Contra o Cancro suma xa 74 Espazos Sen Fume activos na provincia da Coruña, dos cales 35 foron declarados en colaboración coa Universidade da Coruña. Este avance contribúe a consolidar unha rede de contornas máis saudables e libres de tabaco en espazos educativos, praias, parques e outros lugares de uso público.
A creación destes espazos evita que a poboación siga sendo fumadora pasiva de forma involuntaria e contribúe a reducir, a longo prazo, mortes prematuras e enfermidades crónicas, entre elas o cancro. Trátase dunha medida que se adianta á futura ampliación da lexislación e que se aliña cos obxectivos da Comisión Europea, orientados a reducir a porcentaxe de persoas fumadoras a menos do 5 % no ano 2040.
Desde a Asociación Española Contra o Cancro lembran que o tabaco é responsable dun de cada tres casos de cancro e está relacionado con ata dezaseis tipos distintos da enfermidade, incluído o cancro oral, que representa arredor do 33 % dos casos.
Segundo datos do Observatorio do Cancro da Asociación, na provincia da Coruña 171.515 persoas fuman a diario, das cales 10.553 son mozos e mozas de entre 15 e 24 anos. A esa cifra súmanse 22.372 fumadores ocasionais, máis do 15 % tamén nesa franxa de idade. A mocidade é un grupo especialmente vulnerable, xa que o 80 % das persoas fumadoras comezan antes dos 18 anos, e en España máis da metade dos mozos e mozas de entre 14 e 18 anos (54,6 %) xa probaron os cigarros electrónicos. Estes novos produtos multiplican por tres a probabilidade de pasar ao consumo de tabaco tradicional, o que os converte nunha porta de entrada ao tabaquismo.
A universidade, como espazo educativo e referente social, desempeña un papel esencial na promoción de hábitos de vida saudables e na protección da saúde da mocidade, reforzando o seu compromiso coa formación integral e o benestar da súa comunidade.
Sobre a Asociación Española Contra o Cancro
A Asociación Española Contra o Cancro é a entidade de referencia na loita contra o cancro desde hai 70 anos. Dedica os seus esforzos a amosar a realidade do cancro en España, detectar áreas de mellora e poñer en marcha un proceso de transformación social que permita corrixilas para acadar un abordaxe do cancro integral e multidisciplinar. No seu ADN está estar ao lado das persoas, polo que o seu traballo tamén se orienta a axudalas a previr o cancro; estar con elas e coas súas familias durante todo o proceso da enfermidade, se lles é diagnosticada; e mellorar o seu futuro co impulso á investigación oncolóxica. Neste sentido, a través da súa Fundación Científica, a Asociación agrupa a demanda social de investigación contra o cancro, financiando por concurso público programas de investigación científica oncolóxica de calidade. Hoxe en día, é a entidade social e privada que máis fondos destina á investigación do cancro: 143 millóns de euros en 750 proxectos, nos que participan máis de 2.300 investigadores.
A Asociación integra a pacientes, familiares, persoas voluntarias e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar ás persoas afectadas e financiar proxectos de investigación oncolóxica que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro. Estruturada en 52 Sedes Provinciais, e presente en máis de 2.000 localidades españolas, conta con máis de 34.000 persoas voluntarias, máis de 650.000 persoas socias e case 1.200 profesionais.
Durante o 2024, a Asociación Española Contra o Cancro atendeu a máis de 35.000 persoas cos seus servizos de atención profesionalizada e acompañamento voluntario.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC