A Coruña, 2 de novembro de 2020.- A profesora da Facultade de Informática da Universidade da Coruña Susana Ladra recolleu o pasado xoves o VI Premio Ada Byron á Muller Tecnóloga na categoría “joven” nun acto de entrega que tivo lugar na Universidade de Deusto. O galardón ten como obxectivo fomentar as vocacións femininas no campo da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico e poñer en valor a importancia da tecnoloxía en todos os ámbitos da vida e para o desenvolvemento social, así como o traballo e logros por parte de mulleres.
Susana Ladra, Doutora en Informática e Graduada en Matemáticas, foi recoñecida entre un total de 54 candidaturas pola súa formación, actividade profesional no sector tecnolóxico, implicación en difusión social, capacidade de superación e participación en iniciativas para propiciar cambios cara unha maior igualdade.
Ademais de directora do Campus Innova e investigadora do CITIC, Susana Ladra é profesora titular de Linguaxes e Sistemas Informáticos na Facultade de Informática da UDC e vicepresidenta do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). Tamén é coordinadora do programa STEMbach na UDC, que ten como fin promover a vocación do alumnado cara a investigación científica. Así mesmo, forma parte do grupo de traballo da Cidade das TIC e foi socia fundadora e vicepresidenta do nodo galego da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT-gal). Actualmente está moi implicada na divulgación científica e na visibilización da muller na enxeñería.
Durante o seu discurso no acto de entrega, Susana Ladra afirmou que as mozas non estudan enxeñería non porque non lles gusta senón porque non a coñecen. Neste senso resaltou que “é fundamental a divulgación científica e tecnolóxica e introducir estas materias na educación primaria e secundaria”.
Premios en feminino
Susana Ladra non foi a única enxeñeira informática da Universidade da Coruña protagonista nestas últimas semanas. Diferentes iniciativas a nivel nacional veñen recoñecendo nestes días as mulleres do mundo TIC que iniciaron os seus camiños, e algunhas os continúan, na Facultade de Informática da universidade coruñesa. Moi comprometidas ademais co fomento das vocacións femininas nas áreas STEM son unha clara mostra de que o sector feminino vén pisando forte neste ámbito.
Verónica Bolón, doutora en Informática pola UDC e investigadora tamén do CITIC, foi galardoada co premio Dona TIC, na categoría revelación, que outorga a Consellería de Políticas Dixitais e Administración Pública da Generalitat de Cataluña como recoñecemento ao talento, emprendemento e empoderamento no ámbito tecnolóxico das mulleres en diversos ámbitos, como son o empresarial, profesional, académico e iniciativas sociais.
Verónica Bolón é secretaria da Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA) e está comprometida co fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas, coordinando o nodo do proxecto Inspira STEAM na Coruña.
Pola súa banda, o premio Ada Byron, do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), destinado a visualizar as importantes contribucións das mulleres no eido TIC, recaeu neste 2020 en Sabela Ramos Garea, enxeñeira en Google Research e doutorada en Computación de Altas Prestacións na Universidade da Coruña.
Foto: A directora do Campus Innova, Susana Ladra, no acto de entrega do VI Premio Ada Byron na Universidade de Deusto
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC