A Xunta e as tres universidades galegas asinan un acordo para impartir os títulos interuniversitarios de Grao e Máster en Intelixencia Artificial

Nota de prensa
4/05/21 19:34
  • Institucional

· Feijóo precisa que tanto o máster como o grao impartiranse nas tres universidades públicas galegas, onde actualmente se están ofertando os graos de Enxeñaría informática · Subliña que, tras a sinatura, as universidades comezarán a elaborar as memorias de verificación das titulacións, co fin de comezar a impartir estas titulacións no curso académico 2022-2023 · Salienta a ampla experiencia coa que conta o SUG na impartición de materias relacionadas coa área das TIC, cun destacado cadro docente e con centros de investigación especializados na materia · Valora a colaboración e a vontade de diálogo das tres universidades, reflectidas tamén no actual Plan de financiamento do Sistema Universitario Galego ou nos traballos sobre o novo Mapa de titulacións

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2021.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a colaboración entre a Xunta e as tres universidades galegas para acadar un acordo co fin de impartir na Comunidade os títulos interuniversitarios de Grao e Máster en Intelixencia artificial. Dúas titulacións, aseverou, cunha gran demanda e cunha enorme proxección de futuro, xa que se agarda que os seus titulados acaden practicamente o pleno emprego, ademais de ofrecer diversas saídas laborais en áreas como a análise de datos, a robótica ou o internet das cousas.

Durante a sinatura, Feijóo incidiu en que o proceso de implantación realizarase sobre dous piares básicos: a colaboración, xa que a planificación destas titulacións e todo o seu proceso de implantación se realizará de xeito consensuado e dialogado; e o equilibrio territorial, “porque serán os títulos máis accesible dos que se imparten en Galicia”, matizou.

Así mesmo, tanto o máster como o grao impartiranse nas tres universidades públicas galegas, onde actualmente se están a ofertar os graos de Enxeñaría informática: apostando, no caso do grao, por que os dous primeiros anos sexan comúns; e que nos dous últimos cada centro ou escola aposte por especializarse nunha das diferentes ramas desta disciplina.

“O obxectivo é poder ofertar 150 prazas de novo acceso no caso do grao -50 por cada universidade- e unhas 60 prazas de novo acceso no caso do máster -20 por centro-“, precisou, subliñando que tras a sinatura deste acordo, as universidades comezarán a elaborar as memorias de verificación das titulacións, co fin de comezar a impartilas no curso académico 2022-2023.

O presidente da Xunta asegurou que a posta en marcha destas dúas titulacións achegará un valor diferencial ao sistema universitario galego. E todo isto grazas á ampla experiencia coa que conta o SUG na impartición de materias relacionadas coa área das TIC, cun destacado cadro docente e con centros de investigación especializados na materia.

Logo de recordar que a aposta por esta disciplina encádrase na Estratexia Dixital de Galicia 2030, Feijóo concluíu valorando a colaboración e a vontade de diálogo das tres universidades, reflectidas tamén no actual Plan de financiamento do Sistema Universitario Galego ou nos traballos sobre o novo Mapa de titulacións.

Información facilitada pola Xunta de Galicia

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC