A Coruña, 27 de novembro de 2023.- O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asinou hoxe cos reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; de Vigo, Manuel Reigosa, e da Coruña, Julio Abalde, dous convenios de colaboración para apoiar a dixitalización e mellora das infraestruturas das tres universidades que, no seu conxunto, suman case 15 M€.
O primeiro deles, dotado con 10 M€ que se suman de xeito adicional ao Plan galego de financiamento, supón a primeira inxección do novo Plan de infraestruturas para renovar e construír facultades e centros. Pola súa parte, o segundo convenio, incluído na folla de ruta de financiamento, está dirixido a apoiar a dixitalización e mellora da sustentabilidade das instalacións e repartirá 4,8 M€ a partes iguais entre as tres universidades.
Tal e como explicou o responsable autonómico de Educación, estes acordos van permitir “modernizar os servizos e instalacións dos sete campus para consolidar a excelencia e calidade destas institucións”. “Os galegos temos que estar orgullosos das nosas universidades e do traballo feito na última década, pero a nosa obriga é seguir unindo esforzos cun obxectivo común: ofrecer aos estudantes as mellores condicións para o seu desenvolvemento económico e persoal”, salientou Román Rodríguez.
Universidade da Coruña
No caso da Universidade da Coruña o investimento será de 4,41 M€ e a actuación principal é a creación do novo Centro de Investigación nas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITC 2) na Coruña e a construción do novo Edificio de Investigación e Innovación na Industria (EI3) do Campus de Ferrol. Trátase de dúas infraestruturas singulares para desenvolver proxectos estratéxicos nos eidos das tecnoloxías da información, a comunicación, a industria intelixente, a enxeñaría, a innovación e o deseño.
Tamén están previstas accións para fortalecer a dixitalización e a mellora do acceso dos investigadores ou persoal investigador a sitios web e uso de produtos dixitais, así como ao mantemento e posta a punto de equipos informáticos e redes. Por último, inclúense actuacións para mellorar a habitabilidade, eficiencia enerxética, seguridade, accesibilidade, prevención e funcionalidade de diferentes edificios dos dous campus.
Universidade de Santiago de Compostela
No caso da Universidade de Santiago de Compostela, a achega conxunta elévase ata os case 5,7 M€ para proxectos como a creación da nova Cidade da Saúde, a primeira fase da reforma da Facultade de Química na capital galega ou o traslado da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo.
O primeiro deles será un complexo enerxeticamente eficiente, que acollerá a Facultade de Enfermaría, a Facultade de Farmacia, un centro de investigación na área de Ciencias da Saúde e un aparcadoiro. A actuación do Campus de Lugo, pola súa banda, inclúe a reorganización, reforma e ampliación do Complexo Docente para acoller a Facultade de Formación do Profesorado e a da Facultade de Humanidades, ademais das escolas de Enfermería e Relacións Laborais. Esta actuación complétase cun pavillón para a docencia de educación física, así como outras dependencias específicas.
Tamén está prevista a actualización do repositorio institucional Minerva para facilitar a difusión dos artigos, teses e demais formatos ou a implantación dun módulo específico para a xestión de recursos humanos da investigación que permitirá incorporar a información específica dos contratos de investigación á xestión xeral de recursos humanos.
Universidade de Vigo
Para a Universidade de Vigo, os dous acordos asinados hoxe contemplan unha achega de 4,7 M€ para a construción do Edificio Aeroespacial de Ourense, o estudo previo para a futura Facultade de Enfermería do Campus de Pontevedra e avanzar na renovación dos tres campus. Ademais, tamén se mellorarán os recursos dos investigadores mediante a adquisición de novas licenzas de software específico, a contratación dun servizo de soporte para o campus remoto ou o desenvolvemento de actividades baseadas en novas tecnoloxías e promoción da actividade STEM.
No que atinxe á sustentabilidade, a UVigo centrará as actuacións na reparación dos edificios e na súa adaptación ás exixencias de accesibilidade, ademais de en diversas obras de mantemento. Neste senso, sufragaranse accións dirixidas ao aforro enerxético e rehabilitarase o edificio Siemens na ETEA para acoller a nova sede do Centro de Investigación Mariña (CIM). O obxectivo fundamental do centro é contribuír á conservación e uso sustentable dos océanos, mares e recursos mariños a través da xeración e transferencia de coñecemento baseado na ciencia, a tecnoloxía e a innovación.
Información facilitada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC