A Universidade da Coruña reúne ao alumnado do programa de doutoramento de Estatística e Investigación Operativa no “PhDay-EIO”

Nota de prensa

22/02/24 9:02

  • Institucional
  • A Facultade de Informática da UDC acolle o encontro, que conta co patrocinio do Centro de Investigación en tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC.

 

A Coruña, 22 de febreiro de 2024.- As tres universidades galegas celebran este venres, 23 de febreiro, a cuarta edición do “PhDay- EIO”, un evento único no que o alumnado do Programa Oficial de Doutoramento en Estatística e Investigación Operativa ten a oportunidade de pór en común e expoñer os seus traballos de investigación. Nesta ocasión, o encontro terá lugar na Facultade de Informática da UDC e contará co patrocinio do CITIC.

O PhDay-EIO é a ocasión perfecta para establecer conexións co persoal investigador e con outros compañeiros de doutoramento, así como un lugar no que divulgar o traballo realizado.

Ademais, no transcurso do evento premiarase á mellor comunicación oral cun galardón concedido pola Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGaPEIO), no que se valorará a investigación presentada, especialmente o carácter divulgativo da mesma.

O comité organizador desta edición está constituído polos doutorandos deste programa: Beatriz Piñeiro Lamas, Blanca Estela Monroy Castillo, Jorge Castiñeiras Rella, Marta Rodríguez Barreiro e Naomi Diz Rosales.

 

Foto: Imaxe da entrega de premiosda terceira edición do PhDay-EIO

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC