A Coruña, 15 de xuño de 2020.- A Universidade da Coruña reabrirá mañá, martes, 16 de xuño, as aulas de estudo para que o alumnado universitario poida estudar en sala durante o tempo de apertura dos centros cunha limitación de aforo e cumprindo as medidas de seguridade estipuladas.
A Universidade acondicionou as aulas de estudo para cumprir coas normas de distanciamento delimitando as prazas dispoñibles en cada un dos centros. Así, o Xoana Capdevielle, Campus de Elviña, terá dispoñibles un total de 111 prazas; no Centro Universitario de Riazor, Campus de Riazor, habilítanse un total de 131 prazas (Estudo 1: 14; Estudo 2: 50; Estudo 3: 18; Estudo 4: 18 e Estudo 5: 31 postos). Finalmente, no Edificio de Apoio ao Estudo, Campus de Ferrol, haberá dispoñibles un total de 89 prazas.
O horario de apertura destes espazos será de 9:00 a 21:00 horas, que se poderá ampliar en función da demanda existente.
Estes espazos, que poden usarse desde mañá para estudar, están dispoñibles xa desde hai días para a realización de exames en liña para todos aqueles estudantes que así o soliciten previamente, coa antelación suficiente para unha correcta organización. Terán preferencia os estudantes que acudan para a realización dos seus exames.
A Universidade da Coruña, logo de diversos acordos con outras universidades, poderá acoller nestes espazos a universitarios que veñan realizar exames en liña e a estudar procedentes de Santiago de Compostela, Vigo, Burgos, Cantabria, Castilla-La Mancha, Extremadura, Illes Balears, La Rioja, Oviedo, País Vasco, Pública de Navarra, Valladolid e Zaragoza. Así mesmo, o alumnado da UDC poderá acudir aos espazos habilitados por estas universidades, salvo Vigo, para realizar neles os exames virtuais ou a estudar.
Reserva para exames: https://www.udc.gal/gl/covid-19/plan-de-apoio-ao-estudantado/
A Universidade recomenda ao alumnado que faga uso das súas instalacións que manteña as distancias de seguridade, empregue máscara e hixienice as mans, así como recomenda ter un kit desinfectante.
Bibliotecas
Ademais do uso destes espazos para que o alumnado poida estudar, a rede de bibliotecas universitarias ten habilitadas diversas prazas para estudo dentro dun horario determinado.
A cita previa poderá solicitarse en: https://www.udc.es/gl/biblioteca/gestion_online/cita-previa/. Todas as bibliotecas están abertas ao público para o préstamo, devolución e consulta en sala de documentos con cita previa seguindo as indicacións.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC