A Universidade da Coruña presenta a orientadores de colexios e institutos de Galicia a súa renovada oferta académica

Nota de prensa
9/12/19 11:59
  • Institucional

• A UDC pon en marcha unha páxina web específica para Orientadores. • Na reunión informouse das novidades das probas Abau do vindeiro ano.

A Coruña, 9 de decembro de 2019.- A Universidade da Coruña acolle esta mañá unha reunión con orientadores de colexios, institutos e centros de formación profesional de Galicia para darlles a coñecer a renovada oferta académica así como as novidades que a Comisión Interuniversitaria de Galicia ten para as probas de acceso á universidade do próximo ano.

O reitor, Julio Abalde, deu a benvida esta mañá na Reitoría aos orientadores resaltando a importante función dos mesmos á hora de determinar vocacións e dirixir aos estudantades cara á universidade. Abalde destacou tamén o elevado nivel de calidade das titulacións que se ofertan na UDC, así como as numerosas posibilidades existentes e diferenciais, como a opción de recibir docencia en inglés en varias das súas titulacións ou a consecución de dobres títulos, da Universidade da Coruña.

Máis polo miúdo explicou a vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Margarita Amor, as características da oferta formativa da Universidade da Coruña, así como coordinadores dos novos títulos e a vicerreitora  de Oferta Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez. Informouse dos graos en Xestión Industrial da Moda e Paisaxe, implantados no curso 2018-2019; dos de Creación Dixital, Animación e Videoxogos, Ciencia e Enxeñaría de Datos e Xestión Dixital da Información e Documentación, implantados este curso; e da proposta para o próximo ano, o Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía.

A vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García, explicou as posibilidades existentes na UDC para ter unha experiencia formativa internacional, tanto no estranxeiro como dentro da propia universidade con docencia en inglés ou a Summer School, entre outras opcións.

Desde o Servizo de Estudantes deuse conta da posta en marcha dunha nova páxina web específica para orientadores https://www.udc.gal/gl/futuros_estudantes/orientadores/.

Esta páxina recolle información de interese con programas para dar a coñecer os campus da Universidade da Coruña así como as súas titulacións e diversas actividades de divulgación.

Finalmente, a xornada pechouse coa intervención do representante da UDC na Comisión Interuniversitaria de Galicia, CIUG, Pedro Armas, quen avanzou as importantes novidades das probas de acceso á universidade do vindeiro ano, https://ciug.gal/gal.

Os exames da Abau serán os días 9, 10 e 11 de xuño e 7, 8 e 9 de xullo de 2020.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC