A Coruña, 26 de setembro de 2025.- A Universidade da Coruña participou hoxe en Santiago de Compostela na Xornada Galega de Prevención de Riscos Laborais, co título “Universidade e Empresa antes os retos preventivos”, na que foi a primeira edición dun evento que pretende ter continuidade e ser espazo de encontro entre a empresa o sistema universitario de Galicia.
Na inauguración do evento participaron a xerenta da UDC, Mª Jesús Grela; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz; o presidente da CEC, Antonio Fontenla; o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández; e o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade da Universidade de Vigo, Félix Quintero.
Durante a súa intervención, Mª Jesús Grela Grela manifestou o reto de seguir avanzando “na integración da cultura preventiva, que debe entenderse como unha responsabilidade compartida”.
Este foro, celebrado na Facultade de Relacións Laborais da USC e promovido conxuntamente pola Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) e as tres universidades galegas, xunto a Avanta Prevención e Aprosal, supuxo un intercambio de experiencias e formulación de propostas de mellora para avanzar cara a unha cultura preventiva máis eficaz en Galicia. O eixo principal da xornada foi a necesidade de reforzar as canles de diálogo que impulsen a transferencia de coñecemento universitario ao tecido empresarial en materia de prevención de riscos laborais (PRL).
O programa estruturouse en cinco mesas redondas que abordaron, entre outros temas, a reforma da Lei de Prevención de Riscos Laborais, a PRL aplicada ao estudantado en prácticas, ou o papel dos mandos intermedios e responsables de equipos en materia de xestión preventiva.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC