A Coruña, 28 de xuño de 2019.- A Universidade da Coruña participará como socia en tres proxectos do programa de cooperación Interreg VA España-Portugal (POCTEP), que promove o desenvolvemento da maior fronteira da Unión Europea.
A Vicerreitoría de Política Científica, Investigación e Transferencia promociona de xeito intensivo a participación dos grupos de investigación da UDC nas convocatorias europeas, para así fomentar o crecemento da excelencia científica da entidade. Froito deste impulso é a consecución do financiamento destes tres proxectos institucionais na última convocatoria Interreg POCTEP. Esta última edición de POCTEP caracterizouse pola súa alta competitividade. Das 295 solicitudes presentadas, 96 resultaron financiadas, o que supón una taxa de éxito do 33%. O orzamento da Universidade da Coruña pola participación nos proxectos BlueBioLab, Sherpa do Mar e UNISF supón un total de 479.252€, parte deles procedentes de fondos FEDER.
BlueBioLab
Suporá a creación dun laboratorio transfronterizo de excelencia científica en biotecnoloxía mariña. Entre os seus fins destacan a consolidación da cooperación científica de excelencia na área da biotecnoloxía marina -mediante a optimización no uso das infraestructuras e equipos-, a captación de novos investigadores -grazas a medidas de apoio á mobilidade e a formación transfronteiriza-, o fortalecemento e internacionalización das capacidades de I+i e das infraestruturas -a través do establecemento de acordos de colaboración con laboratorios de referencia e a integración en redes internacionais-, e o desenvolvemento de proxectos de investigación interdisciplinares en áreas prioritarias. As liñas de investigación prioritarias serán acuicultura e biotecnoloxía, novos compostos bioactivos e biomateriais de orixe mariña, e a utilización de tecnoloxías ómicas para a comprensión da biodiversidade mariña. O partenariado do proxecto BlueBioLabAB está formado polos sete principais axentes rexionais en materia de xeración de coñecemento excelente en biotecnoloxía mariña: as tres universidades galegas, a Universidade do Minho, o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR), o CSIC, e o Instituto Español de Oceanografía. A Universidade da Coruña participa no proxecto BlueBioLab a través do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA).
Sherpa do Mar
Pretende crear una plataforma eurorrexional de fomento da competitividade no ámbito mariño-marítimo a través do impulso de empresas de base tecnolóxica. Entre os seus obxectivos específicos destacan a creación dun ecosistema transfronteirizo de emprendemento innovador no contexto mariño-marítimo, a creación de empresas con alto valor engadido, a través da potenciación das sinerxías tecnolóxico-científicas, e mellorar a competitividade das empresas existentes a través do impulso da innovación. Estas accións favorecerán o impulso da innovación, a xeración de emprego e o incremento da competitividade empresarial. O partenariado do proxecto Sherpa do Mar está formado polas tres universidades galegas, o Consorcio Zona Franca de Vigo, a Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Associação de Transferência de Tecnologia da Asprela, a Universidade do Porto Inovação, o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (CIIMAR), e o Fórum Oceano- Associação da Economia do Mar. A participación da Universidade da Coruña neste proxecto materialízase a través da Oficina de Transferencia de Resultados da Investigación (OTRI), que achega a súa experiencia na creación de empresas de base tecnolóxica xurdidas no ámbito universitario.
UNISF
O Proxecto “Universidade sen fronteras” (UNISF) pretende fortalecer as relacións da Rede de Universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal -composta polas universidades da Coruña, Miño, Santiago de Compostela, Porto, Vigo e Trás-os-Montes e Alto Douro- para a creación de graos e titulacións conxuntas. Para acadar este obxectivo, UNISF propon o desenvolvemento de ferramentas que contribúan a minimizar os obstáculos xeográficos, administrativos, xurídicos e académicos, entre estas seis universidades. O partenariado está composto polas seis universidades da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal e máis a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER). A Universidade da Coruña participa no proxecto UNISF a través da Vicerreitoría de Internacionalización e Cooperación, que achega a súa experiencia relacionada coas titulacións e graos académicos propios e os graos conxuntos internacionais.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC