A Coruña, 16 de outubro de 2025.– O Eurocampus Emerge, formado por nove universidades periféricas europeas, entre as que se atopa a UDC, dá novos pasos desde o seu lanzamento hai un ano. Así quedou constatado na recente reunión de goberno da alianza, celebrada en Rennes, á que asistiu o reitor da UDC, Ricardo Cao, xunto con outros participantes da institución académica coruñesa neste proxecto internacional.
No encontro, entre outros aspectos, puxéronse os vimbios para a elaboración e desenvolvemento de proxectos conxuntos, especialmente no eido da investigación e mobilidade. Outro dos asuntos tratados foi a designación da presidencia, que será anual e rotatoria, comezando pola UDC que iniciará o seu período en xaneiro de 2026, collendo a testemuña de Limerick, que ostenta este ano a presidencia como institución coordinadora do proxecto.
Polo que respecta á investigación, no paquete de traballo VI, que lidera a UDC, un dos obxectivos fundamentais é o establecemento dunha estratexia conxunta de investigación coa idea de buscar colaboracións entre as universidades da alianza. Para poder desenvolvelo, vaise crear un mapa de recursos existentes nas institucións académicas do Emerge e tamén un mapeo das liñas de investigación dos diferentes grupos. Isto permitirá unha maior colaboración entre as partes.
Neste marco, estase traballando tamén en proxectos de investigación participados con distintas universidades da alianza co obxectivo de presentarse a convocatorias do programa WIDERA, iniciativa transversal de expansión e reforzo do Espazo Europeo de Investigación dentro do Horizon Europe.
Sobre EMERGE
A Empowering the Margins of Europe through Regional and Global Engagement (EMERGE) é unha alianza estratéxica formada por nove universidades europeas que colaboran para transformar a educación superior en rexións periféricas. O seu obxectivo é promover a inclusión, a innovación e a mobilidade no ámbito universitario, contribuíndo así a un Espazo Europeo de Educación máis cohesionado e equitativo.
A Universidade da Coruña (UDC) forma parte desta alianza xunto coa University of Limerick (Irlanda), Democritus University of Thrace (Grecia), Europa-Universität Flensburg (Alemaña), Inland Norway University of Applied Sciences (Noruega), Neapolis University Pafos (Chipre), Université Bretagne Sud (Francia), Université Rennes 2 (Francia) e Univerzita Mateja Bela v Banskej Bystrici (Eslovaquia).
En conxunto, estas nove institucións conforman un Eurocampus con máis de 125.000 estudantes, comprometido cunha educación superior máis accesible, diversa e conectada tanto a nivel rexional como internacional.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC