A Universidade da Coruña obtén 14 axudas predoutorais da Xunta de Galicia para a formación de persoal investigador

Nota de prensa

9/09/25 9:36

  • Institucional
  • Cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do Programa Galicia 2021-2027, as bolsas ascenden a 1.670.400 euros para a UDC
  • O INIBIC consegue así mesmo outras dúas axudas na rama de Ciencias, as cales suman 241.200,00 euros.

 

A Coruña, 9 de setembro 2025.– A Universidade da Coruña contará cun total de 14 novas axudas predoutorais concedidas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, no marco da Orde do 26 de decembro de 2024, destinada ao apoio á etapa predoutoral no Sistema Universitario Galego (SUG) e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i.

 

Estas bolsas, cofinanciadas parcialmente polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, están dirixidas á contratación de persoas tituladas superiores para a súa formación como doutoras e doutores en programas oficiais de doutoramento das universidades galegas, incluíndo estadías de investigación no estranxeiro.

 

No caso da Universidade da Coruña, abranguen tres ramas de coñecemento: Ciencias, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura.

 

Un programa estratéxico para a formación investigadora

O obxecto do programa de apoio á etapa predoutoral é axudar ás universidades do SUG (cofinanciadas polo FSE+), aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia e aos centros do CSIC radicados en Galicia a que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación como doutoras e doutores nos seus centros. No caso da UDC, 4 son para a CIC; 4 para CITIC; 1 para o CITEEC; 1 para o CISPAC e 1 ECOBAS.

O programa predoutoral, que será financiado con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, ten como obxectivo facilitar a obtención do título de doutor ou doutora mediante a adquisición de competencias investigadoras avanzadas. O investimento total previsto para a UDC suma 1.670.400 euros, que será outorgado no período 2025-2029. Así mesmo, o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) acadou outras dúas bolsas, que ascenden a un total de 241.200,00 euros.

 

A formalización dos contratos realizarase entre setembro de 2025, podendo estenderse ata o 1 de decembro no caso das persoas seleccionadas de nacionalidade non comunitaria.

 

Persoal beneficiario na UDC

Entre as persoas seleccionadas da Universidade da Coruña figura persoal investigador de distintos campos: Raquel Iglesias Manteiga, Carmen Rodríguez Coronado, Inés Bao Camacho, Ismael López Calvo, Virginia Cendán Castillo, Nicolás Sommariva Ucha e Camila Sofía Mercado Molares, de Ciencias; Alejandro Fernández Marzoa e Begoña Muíño Sar, de Ciencias Sociais e Xurídicas; e Ana Xiangning Pereira Ezquerro, Manuel Rubiños Trelles, Alejandro Mayorga Redondo, Daniel Eiroa Martínez e Paula Patricia Arcabo Bea, de Enxeñaría e Arquitectura.

 

Incorporaranse ao INIBIC as investigadoras Gloria Pérez Rodríguez e Andrea García Pose, ambas na rama de Ciencias.

 

Cómpre destacar que estas axudas permiten tamén realizar estadías internacionais de tres meses de duración para a obtención da mención internacional de doutoramento.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC