A Coruña, 12 de abril de 2024.- A Universidade da Coruña lanza, por terceiro ano consecutivo, o Programa ‘Campus Rural’, unha iniciativa do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, en colaboración co Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE) e a maior parte das universidades públicas.
Este Programa promove a realización de prácticas externas por parte do estudantado universitario en contornas rurais en risco de despoboamento, coa fin de que a mocidade coñeza a súa contorna en profundidade e se podan xerar novas formas de arraigamento e vínculo, de modo que poda ser un lugar de oportunidades para o desenvolvemento do seu futuro profesional e persoal. En definitiva, o Programa aposta por contribuír ao reequilibrio territorial a través da dinamización do tecido produtivo, social e institucional dos espazos máis despoboados.
Nesta edición, ata 20 estudantes de grao e máster poderán ser beneficiarios do programa. As prácticas externas terán unha duración de tres meses, desenvolveranse entre xuño e o 15 de novembro de 2024 e estarán remuneradas con 1.000 euros brutos mensuais. A persoa que realice as prácticas deberá residir no lugar onde as leve a cabo ou a non máis de 20 quilómetros, nun concello de similares características.
O prazo de inscrición está aberto desde o 11 ata o 25 de abril. A convocatoria está publicada na Sede Electrónica da UDC. Igualmente, toda a información relativa ao Programa pode consultarse na seguinte ligazón.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC