A Universidade da Coruña intégrase no Foro Económico e Social promovido pola Deputación da Coruña

Nota de prensa
23/02/21 12:29
  • Institucional

A Coruña, 23 de febreiro de 2021.- A Universidade da Coruña vén de sumarse ao Foro Económico e Social (FES) promovido pola Deputación da Coruña e que terá un destacado papel no asesoramento ao goberno provincial no deseño de plans estratéxicos en eidos chave para o futuro da provincia coma o emprego, o desenvolvemento industrial, a loita contra a covid-19 ou os fondos europeos de recuperación. O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, presidiu o pasado venres no Pazo de Mariñán o acto de constitución deste ente consultivo.

O FES busca configurar un espazo común de traballo e diálogo permanente onde se atopan representados a patronal galega, sindicatos, as universidades da provincia, a Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela, e outros axentes sociais, ademais do propio ente provincial. O Foro nace para analizar, debater e reflexionar sobre a situación económica e social do territorio coruñés coa finalidade de avaliar medidas concretas de actuación por parte das institucións, formular novas propostas e solucións nos ámbitos sinalados e colaborar na planificación estratéxica de proxectos no ámbito da provincia.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou que o FES “nace nun momento en que todas as entidades que representamos á sociedade da provincia requirimos dun esforzo enorme para superar a pandemia, non só a nivel sanitario, senón tamén no aspecto de ilusionar a unha sociedade que necesita ver luz ao final do túnel no aspecto laboral e económico, que poida garantir un futuro laboral ás xeracións presentes e futuras” e considerou que as visións das institucións e axentes sociais que integran o FES enriquecerán coas súas propostas as políticas da Deputación da Coruña para impulsar a recuperación social e económica tras a pandemia.

Pola súa banda, o reitor da UDC, Julio Abalde, apuntou que as universidades poden achegar “coñecemento” e transferencia neste foro, así como presentar proxectos dinamizadores. Ademais, erixiu á “dixitalización” como un “elemento fundamental” no cambio que vive a sociedade.

Tamén o reitor da USC, Antonio López, dixo que os cambios que se aveciñan “van vir da man do coñecemento” e indicou que esta crise “fíxonos coñecer o valor da investigación”. O acto de constitución do órgano consultivo celebrado no Pazo de Mariñán, en Bergondo, estivo presidido polo presidente da Deputación, e contou coa presenza dos reitores das universidades da Coruña e Santiago, Julio Abalde e Antonio López, o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla, e os secretarios xerais comarcais da Unión Xeral de Traballadores (UGT), Ángel Iglesias, e Comisións Obreiras (CC.OO.), Cristóbal González, entre outros.

González Formoso ocupará a presidencia do FES, que contará con doce membros escollidos polas organizacións sindicais máis representativas no ámbito provincial, a organización empresarial intersectorial que goce de máis representatividade, a UDC e a USC e a Deputación.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC