A Universidade da Coruña impulsa un estudo sobre a idade e a soidade non desexada

Nota de prensa

23/09/25 12:45

  • Institucional
  • Co obxectivo de ter un panorama máis completo sobre esta realidade poñen en marcha unha enquisa dirixida a diferentes grupos de idade.

A Coruña, 23 de setembro de 2025.– O Grupo de Investigación en Xerontoloxía e Xeriatría da Universidade da Coruña (UDC), cunha ampla traxectoria no ámbito do envellecemento, a saúde e o benestar das persoas maiores, está a desenvolver un estudo sobre as percepcións sociais arredor da idade e da soidade non desexada.

Este proxecto, impulsado polas docentes e investigadoras Rocío López, Ana Belén Maseda e Ana García, ambas do dito grupo, ten como finalidade comprender mellor como se percibe e se vive a idade e a soidade na sociedade, así como identificar factores que poidan influír na calidade de vida das persoas de diferentes xeracións.

O obxectivo principal da investigación é recoller a opinión da cidadanía, tanto de persoas máis novas como de maiores, para dar visibilidade a realidades que a miúdo pasan desapercibidas e xerar coñecemento útil para promover políticas e iniciativas que fomenten unha sociedade máis xusta, inclusiva e equitativa para todas as idades. Ademais, busca sensibilizar á poboación sobre a importancia de acompañar e apoiar ás persoas que sofren soidade non desexada.

Para recoller esta información, púxose en marcha unha enquisa anónima, de rápida realización —non leva máis de cinco minutos—, que está aberta a toda a cidadanía. Existen dúas versións adaptadas segundo a idade das persoas participantes, permitindo así achegar unha visión ampla e representativa das distintas experiencias sociais.

 

O Grupo de Investigación fai un chamamento a que a cidadanía participe e tamén a que comparta a enquisa coa súa contorna próxima: familiares, amizades... coa fin de construír un panorama máis completo sobre a realidade da idade e a soidade non desexada.

Este estudo enmárcase dentro do compromiso do Grupo de Investigación en Xerontoloxía e Xeriatría da UDC por promover o benestar integral das persoas maiores e avanzar na investigación aplicada ao envellecemento activo, ao apoio social e á mellora da calidade de vida en todas as etapas da vida, fomentando unha sociedade máis acolledora e solidaria.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC