A Universidade da Coruña establece unha colaboración coa empresa Minsait, filial de INDRA, en formación e transferencia na área de Intelixencia Artificial

Nota de prensa

25/04/23 13:19

  • Institucional

A Coruña, 25 de abril de 2023.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinou esta mañá un convenio de colaboración co director Global de Cloud, Javier Muñoz Lagarón e o director Global de Administracións Públicas, Luis Fernández Hernando, da empresa Minsait, filial de Indra, co obxectivo principal de fomentar accións de formación e transferencia tecnolóxica no sector das Tecnoloxías da Información e  a Comunicación (TIC), especialmente enfocadas na área de coñecemento e aplicación da Intelixencia Artificial (IA).

A firma do convenio tamén contou coa presencia da alcaldesa Inés Rey posto que Concello e Universidade promoven e comparten proxectos estratéxicos para potenciar A Coruña como referente tecnolóxico no ámbito das TIC, co proxecto da Cidade das TIC, e a Intelixencia Artificial, coa consecución da sede da Agencia Española de Supervisión de la Inteligencia Artificial (AESIA).

Este convenio de colaboración con Minsait ten como finalidade promover e potenciar a relación da Universidade co tecido produtivo e facilitar a chegada de solucións tecnolóxicas innovadoras, éticas e seguras baseadas en Intelixencia Artificial ao sector empresarial e industrial en beneficio da sociedade. Ademais, o convenio contempla a colaboración a través de actividades nas áreas da docencia e formación, o que reforzará a calidade e interese da oferta formativa da UDC dentro do ámbito das TIC e da Intelixencia Artificial en concreto.

O reitor declarou que este convenio “é a primeira pedra para facer que a Aesia sexa unha realidade e axude ao desenvolvemento da universidade e a cidade”. Abalde explicou que o acordo recolle e amplía as colaboracións puntuais xa existentes entre a UDC e Minsait e agradeceu á empresa o apoio dado desde o inicio ao proxecto da Cidade das TIC. “Este convenio é un salto nunha colaboración xa existente, moi importante para a UDC pois vai permitir mellorar a formación e desenvolver o talento que necesitan as empresas tecnolóxicas”, apuntou Abalde.

Pola súa parte o director Global de Administracións Públicas de Minsait, Luis Fernández, puxo de relevo a importancia deste convenio que permitirá a formación dos estudantes universitarios e tamén a recapacitación de traballadores nun contexto en que se necesitan expertos en IA. Só na súa compañía, Fernández calculou que en 2023 se contratará a 5.000 profesionais TIC. “A IA é a evolución natural do que levamos facendo durante trinta anos; xeráronse moitos datos e agora hai que analizalos para que sexan unha axuda na toma de decisións”, manifestou, engadindo que ao reto da formación únese na actualidade o desenvolvemento da parte normativa “para un uso adecuado da algoritmia e a trazabilidade”.

Javier Muñoz, director Global de Cloud de Minsait, reforzou a importancia do pertinente uso dos algoritmos para o que será de importancia a Aesia, de forma que aportará ética e responsabilidade para que os algoritmos sexan xustos. Muñoz puxo a disposición do desenvolvemento da cidade todas as capacidades de Minsait, cuxa sede na Coruña conta con 1.100 traballadores.

A alcaldesa incidiu en que este convenio que vai permitir crear un espazo de innovación conxunto entre a empresa e a Universidade “é un paso máis na configuración da Coruña como unha cidade de referencia nacional e internacional no ámbito da tecnoloxía”. “A UDC é un dos piares fundamentais para o crecemento da cidade”, dixo, así como o sector empresarial que fixo que a cidade sexa, con 700 firmas, a área de Galicia con máis empresas do sector TIC. “As administracións públicas temos a obriga de xerar un ecosistema empresarial para que teñan un espazo en que crecer e xerar emprego de calidade”, finalizou Rey.

Este convenio enmárcase dentro das actividades estratéxicas que se están a desenvolver por parte do NODO UDC Coruña de IA, coordinado polo profesor da Facultade de Informática, Marcos Ortega, no marco de establecer intereses comúns e fomentar a colaboración entre a Universidade e o tecido social, reforzando desta maneira a aposta da UDC pola Intelixencia Artificial e a súa implantación responsable na sociedade.

 

Acerca de Minsait

Minsait (www.minsait.com) é a compañía de Indra líder en transformación dixital e Tecnoloxías da Información. Minsait presenta un alto grao de especialización e coñecemento sectorial, que complementa coa súa alta capacidade para integrar o mundo core co mundo dixital, o seu liderado en innovación e en transformación dixital e a súa flexibilidade. Con iso, enfoca a súa oferta en propostas de valor de alto impacto, baseadas en solucións end-to-end, cunha notable segmentación, o que lle permite acadar impactos tanxibles para os seus clientes en cada industria baixo un enfoque transformacional. As súas capacidades e o seu liderado amósanse na súa oferta de produtos, baixo a denominación Onesait, e a súa oferta transversal de servizos.

 

Acerca de Indra

Indra (www.indracompany.com) é unha das principais compañías globais de tecnoloxía e consultaría e o socio tecnolóxico para as operacións clave dos negocios dos seus clientes en todo o mundo. É un provedor líder mundial de solucións propias en segmentos específicos dos mercados de Transporte e Defensa, e unha empresa líder en transformación dixital e Tecnoloxías da Información en España e Latinoamérica a través da súa filial Minsait. O seu modelo de negocio está baseado nunha oferta integral de produtos propios, cun enfoque end-to-end, de alto valor e cun elevado compoñente de innovación. Ao peche do exercicio 2022, Indra tivo uns ingresos de 3.851 millóns de euros, case 57.000 empregados, presenza local en 46 países e operacións comerciais en máis de 140 países.

 

Acerca da Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña é unha universidade nova, moderna e de calidade; en constante actualización da súa oferta de títulos para adaptalos ás necesidades da sociedade. Isto fai que destaque na adecuación da formación impartida aplicada ao posto de traballo dos seus titulados. O 78% dos graduados traballa en algo relacionado coa súa titulación, e o 87% no caso dos titulados de máster.

Ofrece, entre outras titulacións novidosas, o Grao en Enxeñaría Informática, con todas as especialidades ofrecidas en España; Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos; Grao en Intelixencia Artificial; Máster Universitario en Ciberseguridade; Máster U. en Informática Industrial e Robótica; Máster U. en Intelixencia Artificial e Máster U. en Dereito Dixital e da Intelixencia Artificial.

A UDC destaca tamén en investigación da área TIC co Centro de Investigación en TIC (CITIC), acreditado pola Xunta de Galicia como Centro de Investigación do Sistema Universitario Galego. Estrutúrase en catro áreas de investigación: Intelixencia Artificial, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes. Ademais, a UDC promove a Cidade das TIC, un espazo que se inaugurará este ano no que convivirán empresas do sector TIC con docencia e investigación da UDC.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC