A Universidade da Coruña elixe Reitor este mércores, 4 de decembro

Nota de prensa
2/12/19 13:14
  • Institucional

A Coruña, 2 de decembro de 2019.- Un total de 18.245 persoas da comunidade universitaria (profesorado, estudantado e persoal de administración e servizos) están convocadas este mércores, 4 de decembro, para elixir novo Reitor da Universidade da Coruña. Os catedráticos Julio Ernesto Abalde Alonso e Fernando Martínez Abella optan a liderar a UDC os próximos catro anos.

O reitor da Universidade da Coruña elíxese por sufraxio universal a través do voto electrónico. O sistema de voto electrónico implantouse na UDC no ano 2011. O horario de votación será de 10:00 a 19:00 horas.

O voto é ponderado segundo as seguintes porcentaxes:

  • 51% correspondente ao sector de Profesorado Doutor con vinculación permanente.
  • 12% restantes categorías de Persoal Docente Investigador.
  • 28% para o Estudantado.
  • 9% correspondente ao Persoal de Administración e Servizos.

A suma das persoas censadas é para o sector de Profesorado Doutor con vinculación permanente de 836; restantes categorías de Persoal Docente Investigador, 722; Estudantado, 15.886; e Persoal de Administración e Servizos, 801 persoas.

A participación nas eleccións a Reitor tanto no sector de profesorado como de persoal administrativo é moi elevada, non así no caso do estudantado en que a media da participación nas universidades españolas é sobre o 10%. No caso das eleccións a Reitor na UDC en 2015 a participación alcanzou o 94% no sector de PDI doutor con vinculación permanente; o 76% nas restantes categorías de PDI; o 27% entre o Estudantado e o 88% no caso do Persoal de Administración e Servizos.

As votacións efectuaranse a través da plataforma e-voto, dispoñible para as tres universidades galegas e que conta co apoio da Xunta de Galicia como unha das iniciativas de impulso da administración electrónica.

As Universidades do Sistema Universitario de Galicia elixiron a plataforma proporcionada por Scytl Secure Electronic Voting (Scytl) -www.scytl.com-, empresa que conta con preto de vinte anos de experiencia en Investigación e Desenvolvemento no campo do voto electrónico. Esta empresa está recoñecida como líder mundial en implementación de solucións de voto electrónico seguro en Europa, América e Asia-Pacífico, que destacan como referencias de éxito no sector do voto electrónico. Esta tecnoloxía patentada obtivo tamén importantes recoñecementos e premios internacionais.

O segredo e a integridade do voto conséguense grazas ao seu cifrado de punta a punta, é dicir, desde o computador ata a mesa electoral. Só a mesa electoral poderá descifralo e ninguén poderá manipulalo nin, obviamente, coñecer o seu emisor. O sistema de voto electrónico tamén permite impedir a emisión de votos múltiples por un mesmo votante.

Scytl foi fundada en 2001 como spin-off dun destacado grupo de investigación da Universidad Autónoma de Barcelona, pioneiro desde 1994 na investigación de solucións de seguridade para a industria do voto electrónico. Dito grupo de investigación produciu as primeiras dúas teses de doutoramento de Europa en seguridade do voto electrónico, e numerosas publicacións internacionais no campo da criptografía aplicada e o voto por Internet.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC