A Universidade da Coruña e a empresa Minsait, filial de Indra, asinan un convenio de colaboración en temas de Intelixencia Artificial

Nota de prensa

24/04/23 12:03

  • Institucional

A Coruña, 24 de abril de 2023.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o director Global de Cloud, Javier Muñoz Lagarón, e o director Global de Administracións Públicas, Luis Fernández Hernández, por parte de Minsait (Indra) asinarán mañá, martes, 25 de abril, ás 11:00 horas na Sala de Prensa da Reitoría, un convenio de colaboración.

O convenio de colaboración ten como finalidade recoller a colaboración de Minsait coa UDC en accións de formación e transferencia tecnolóxica, especialmente na área de coñecemento e de aplicación da Intelixencia Artificial. O acordo enmárcase dentro das actividades estratéxicas que se están a desenvolver por parte do Nodo de Intelixencia Artificial Coruña, coordinado polo profesor da Facultade de Informática, Marcos Ortega.

 

Acerca de Minsait

Minsait (www.minsait.com) é a compañía de Indra líder en transformación dixital e Tecnoloxías da Información. Minsait presenta un alto grao de especialización e coñecemento sectorial, que complementa coa súa alta capacidade para integrar o mundo core co mundo dixital, o seu liderado en innovación e en transformación dixital e a súa flexibilidade. Con iso, enfoca a súa oferta en propostas de valor de alto impacto, baseadas en solucións end-to-end, cunha notable segmentación, o que lle permite acadar impactos tanxibles para os seus clientes en cada industria baixo un enfoque transformacional. As súas capacidades e o seu liderado amósanse na súa oferta de produtos, baixo a denominación Onesait, e a súa oferta transversal de servizos.

 

Acerca de Indra

Indra (www.indracompany.com) é unha das principais compañías globais de tecnoloxía e consultaría e o socio tecnolóxico para as operacións clave dos negocios dos seus clientes en todo o mundo. É un provedor líder mundial de solucións propias en segmentos específicos dos mercados de Transporte e Defensa, e unha empresa líder en transformación dixital e Tecnoloxías da Información en España e Latinoamérica a través da súa filial Minsait. O seu modelo de negocio está baseado nunha oferta integral de produtos propios, cun enfoque end-to-end, de alto valor e cun elevado compoñente de innovación. Ao peche do exercicio 2022, Indra tivo uns ingresos de 3.851 millóns de euros, case 57.000 empregados, presenza local en 46 países e operacións comerciais en máis de 140 países.

 

Acerca da Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña é unha universidade nova, moderna e de calidade; en constante actualización da súa oferta de títulos para adaptalos ás necesidades da sociedade. Isto fai que destaque na adecuación da formación impartida aplicada ao posto de traballo dos seus titulados. O 78% dos graduados traballa en algo relacionado coa súa titulación, e o 87% no caso dos titulados de máster.

Ofrece, entre outras titulacións novidosas, o Grao en Enxeñaría Informática, con todas as especialidades ofrecidas en España; Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos; Grao en Intelixencia Artificial; Máster Universitario en Ciberseguridade; Máster U. en Informática Industrial e Robótica; Máster U. en Intelixencia Artificial e Máster U. en Dereito Dixital e da Intelixencia Artificial.

A UDC destaca tamén en investigación da área TIC co Centro de Investigación en TIC (CITIC), acreditado pola Xunta de Galicia como Centro de Investigación do Sistema Universitario Galego. Estrutúrase en catro áreas de investigación: Intelixencia Artificial, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes. Ademais, a UDC promove a Cidade das TIC, un espazo que se inaugurará este ano no que convivirán empresas do sector TIC con docencia e investigación da UDC.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC