A Coruña, 7 de outubro de 2025.- A Universidade da Coruña (UDC) e a asociación ALAS A Coruña veñen de asinar un protocolo xeral de colaboración co obxectivo de fomentar o intercambio de experiencias e de persoal nos campos da docencia, a investigación e a cultura en xeral, dentro das áreas de interese común de ambas as entidades.
O convenio foi rubricado polo reitor da UDC, Ricardo Cao, e pola presidenta de ALAS A Coruña, Ana Cristina García Fernández, en representación das respectivas institucións. Ao amparo do mesmo, a UDC e ALAS A Coruña comprométense a cooperar en programas e proxectos que contribúan á construción dunha sociedade máis diversa, igualitaria, xusta e libre de LGTBIfobia, así como a promover o respecto polos dereitos humanos e a igualdade de xénero.
Entre as modalidades de colaboración previstas destacan o intercambio de profesorado e persoal investigador, a participación conxunta en proxectos de I+D, o asesoramento mutuo en cuestións relacionadas coa actividade das dúas entidades, o desenvolvemento de accións formativas e culturais, e o intercambio de materiais e publicacións de interese común, así como a realización de probas rápidas de diagnóstico dos virus VIH e Hepatite C nos Campus para toda a Comunidade UDC, en colaboración coa Unidade de Atención á Diversidade.
Ademais, establécese unha comisión de seguimento paritaria, integrada por representantes da UDC e de ALAS A Coruña, que se encargará de elaborar un balance anual das accións realizadas e de propoñer novas liñas de cooperación.
O acordo, que terá unha vixencia inicial de dous anos, prorrogable ata catro, constitúe unha declaración de intencións destinada a promover relacións estables de beneficio mutuo en materia académica, científica e cultural.
Sobre ALAS A Coruña
ALAS A Coruña é unha asociación LGTBI+ que traballa pola defensa dos dereitos humanos, a igualdade e a diversidade, e que desenvolve accións formativas, culturais e de investigación centradas na loita contra a LGTBIfobia e na promoción da inclusión social desde unha perspectiva feminista e de dereitos.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC