A Coruña, 27 de marzo de 2026
O Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña NORMAL, en colaboración co Centro de Arte Fundación María José Jove (FMJJ), lanzan a VI Edición do Programa de Residencias Artísticas, iniciativa que ten como obxectivo apoiar a creación artística que se aproxime, desde unha reflexión crítica, ás dinámicas, memorias e resonancias do contexto máis próximo.
Este programa ofrece aos artistas unha contorna propicia para a creación e a investigación, fomentando o desenvolvemento dun marco conceptual que axude a interpretar problemáticas contemporáneas nas súas dimensións sociais, culturais e territoriais.
A presente edición do programa consiste na convocatoria a dúas residencias artísticas, dotadas con 6.000 euros cada unha en concepto de honorarios, gastos de produción e viaxe. Ademais proporciónanselle os seguintes recursos aos artistas seleccionados:
- Espazo de traballo individual no Espazo de Intervención Cultural Normal
- Aloxamento en Residencia Universitaria, na Coruña
- Acompañamento curatorial durante o desenvolvemento do proxecto
- Presentación pública dos resultados ao finalizar a residencia
A duración mínima da residencia será dun mes, e a máxima tres, e os proxectos deberán realizarse durante o terceiro cuadrimestre do ano, entre setembro e decembro de 2026.
O prazo de inscrición estará aberto desde hoxe, día 27 de marzo ata o 19 de xuño de 2026. As solicitudes deben enviarse a través do correo electrónico de Normal (normal.comunicacion@udc.gal), achegando o formulario de inscrición e a documentación requirida (DNI, síntese do proxecto, CV e carta de intencións). Máis información e bases aquí.
A resolución da convocatoria será anunciada a finais de xullo de 2026.
Valoración de propostas
As propostas serán avaliadas por un xurado composto por Juan Canela, crítico de arte e comisario, actualmente curador xefe do Museo de Arte Contemporánea de Panamá (MAC Panamá); Marta Mestre, comisaria do Museo de Arte Contemporánea MAC/CCB, Lisboa; Susana González, comisaria e directora do Centro de Arte FMJJ/Colección de arte FMJJ e Cristina Naya, responsable de Normal e vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC.
Criterios de selección
As propostas serán valoradas en función da súa orixinalidade e innovación, a coherencia cos obxectivos da convocatoria e a súa capacidade para xerar colaboracións multidisciplinares.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC