A Coruña, 21 de outubro de 2025.- A Universidade da Coruña (UDC) e Alvixe, Asociación contra a Violencia de Xénero, asinaron hoxe un convenio de colaboración que ten como obxectivo establecer un marco estable de cooperación académica, científica e cultural entre ambas as dúas entidades, orientado á promoción da igualdade, á prevención da violencia de xénero e ao acompañamento das mulleres en situación de vulnerabilidade.
O acordo foi subscrito esta mañá na Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social polo reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao Abad, e pola presidenta de Alvixe, Marina Nikoghosyn, en representación das dúas institucións.
Unha alianza para fomentar a cooperación e o intercambio de coñecemento
A través deste protocolo, a UDC e Alvixe comprométense a fomentar o intercambio na docencia, a investigación e a acción social, así como a promover programas de formación, asesoramento mutuo e colaboración en proxectos comúns.
Entre as modalidades de cooperación recollidas destacan o intercambio de profesorado e persoal investigador e técnico; a participación conxunta en proxectos de I+D; o desenvolvemento de programas formativos en materia de igualdade e o intercambio de publicacións e materiais de investigación.
A posta en marcha destas actuacións concretarase mediante convenios específicos que detallarán os obxectivos, participantes e financiamento de cada iniciativa.
Comisión de seguimento e duración
O protocolo asinado terá unha vixencia inicial de catro anos prorrogables e contará cunha comisión de seguimento formada por representantes da Universidade da Coruña e de Alvixe.
Con esta sinatura, a Universidade da Coruña reafirma o seu compromiso coa igualdade de xénero e coa colaboración activa con entidades sociais que traballan na prevención e erradicación da violencia machista, promovendo unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Sobre Alvixe
A Asociación de Loita contra a Violencia de Xénero naceu en Ferrol no ano 2017 co obxectivo de ofrecer acompañamento ás vítimas de violencia machista así como para traballar na prevención e concienciación da violencia de xénero.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC