A Universidade da Coruña e ABANCA traballarán conxuntamente para o desenvolvemento da Intelixencia Artificial no ámbito da Cidade das TIC

Nota de prensa

28/01/22 14:00

  • Institucional

• O reitor da UDC, Julio Abalde, e o Conselleiro Delegado de ABANCA, Francisco Botas, asinaron un protocolo de colaboración que consolida a súa colaboración a través do Centro de Investigación en TIC da UDC, CITIC, o maior centro de Intelixencia Artificial e o primeiro centro singular de tecnoloxías TIC de Galicia. • A entidade bancaria e a UDC manifestan o seu interese por colaborar no desenvolvemento de solución baseadas en Intelixencia Artificial, Xestión de datos e dixitalización na Cidade das TIC.

A Coruña, 28 de xaneiro de 2022.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e Conselleiro Delegado de ABANCA, Francisco Botas, asinaron esta mañá na Reitoría un protocolo xeral de colaboración entre ambas as dúas entidades para o desenvolvemento da Intelixencia Artificial, a transformación dixital e as tecnoloxías habilitadoras no ámbito da Cidade das TIC.

Para o reitor, este convenio “consolida a colaboración entre a UDC e ABANCA a través do CITIC, o maior centro de IA e o primeiro centro singular de tecnoloxías TIC de Galicia, na Cidade das TIC no proceso de incorporar a Intelixencia Artificial, o BigData e a dixitalización aos servizos e cadea de valor da entidade bancaria”. “Este protocolo reforza a colaboración de ambas institucións no desenvolvemento da Cidade das TIC como axente de innovación tecnolóxica clave para a necesaria transformación dixital do sector empresarial e da sociedade en xeral”, afirmou Abalde.

Pola súa banda, Francisco Botas manifestou que “ABANCA es una entidad que ha apostado desde su nacimiento por la tecnología y la innovación. Este compromiso nos lleva a sumar nuestros esfuerzos a los de otras organizaciones públicas y privadas, como la Universidade da Coruña. Este acuerdo servirá para desarrollar un proyecto de gran calado para A Coruña y para Galicia, y se convertirá en un referente en el ámbito de la tecnología y la innovación digital”.

A creación da Cidade das TIC constituirá un polo tecnolóxico TIC e de innovación dixital que actúe como un demostrador de tecnoloxías emerxentes. Ofrecerá apoio ao tecido empresarial a través da prestación de servizos tecnolóxicos, facilitando a instalación de empresas do sector e servindo como un vector de crecemento e dinamización económica. É por iso que ABANCA está interesada en colaborar coa UDC no desenvolvemento da Cidade das TIC no marco da súa estratexia de innovación e dixitalización.

Convenios posteriores recollerán as accións concretas para materializar este protocolo de colaboración que permitirá o intercambio e a formación de profesionais, profesores e investigadores, así como favorecer a participación conxunta en proxectos de investigación e desenvolvemento, entre outras iniciativas. Este protocolo ten unha vixencia de catro anos, prorrogable a outros catro.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC