A Universidade da Coruña divulga o seu coñecemento científico entre a cidadanía cun programa de difusión en marquesiñas de autobús na cidade

Nota de prensa

14/09/23 11:48

  • Institucional

A Coruña, 14 de setembro de 2023.- A Unidade de Divulgación Científica e Cultural da Universidade da Coruña, dirixida por Cristina Naya, promove unha iniciativa de difusión do coñecemento realizado polo persoal investigador para achegalo á sociedade. En colaboración co Concello da Coruña, un total de 20 marquesiñas distribuídas ao longo da cidade convértense durante toda esta semana nun escaparate da divulgación científica.

O Concello puxo a disposición da UDC o mobiliario urbano dunha serie de paradas  de autobús para expoñer imaxes das cinco infografías seleccionadas no programa “Divulgando o noso”, un concurso creado co obxectivo de difundir o traballo do persoal investigador da universidade coruñesa.

As cinco temáticas escollidas dentro deste programa son as seguintes:

  • Especies invasoras, onde se amosan exemplos de organismos daniños para os nosos ecosistemas, da autoría de Jaime Fagúndez, Sergio Roilca e María J. Servia do Grupo de Innovación Docente Ecodiverse.
  • Estruturas de madeira e formigón, onde se mostra o sistema estrutural EcoTCC desenvolvido na UDC, o cal que permite construcións más lixeiras e sustentables, a cargo de Javier Estévez Cimadevila, Emilio Martín Gutiérrez, Dolores Otero Chans, Félix Suárez Riestra e José Antonio Vázquez Rodríguez do Grupo de Investigación de Estruturas Arquitectónicas do CITEEC.
  • Realidade virtual e autonomía persoal, onde se amosan as contornas realistas que se están a desenvolver para mellorar as habilidades de persoas anciás ou con discapacidade que teñen dificultades no seu día a día. A autoría é de Manuel Lagos Rodríguez, María del Carmen Miranda Duro, Patricia Concheiro Moscoso, Nereida María Canosa Domínguez, Betania Groba González, Laura Nieto Riveiro, Javier Pereira Loureiro e Thais Pousada García do Grupo de Investigación TALIONIS do CITIC.
  • Refrixeración ecolóxica, que mostra e intenta concienciar que axiña gastaremos máis enerxía en refrixerarnos que en quentarnos polo que é urxente atopar solución máis eficientes. A autoría desta infografía é responsabilidade de Juan Manuel Bermúdez García, Socorro Castro García, Manuel Sánchez Andújar e María Antonia Señarís Rodríguez do Grupo de Química do Estado Sólido e Materiais (udcsolidos) do CICA.
  • Viticultura ecolóxica e de precisión, onde se amosa que a agricultura de precisión busca alto rendemento e custos sostibles, mantendo os solos e as plantas sans, o cal require unha planificación e un seguimento continuos. O seu autor é Manuel López-Vicente do grupo Aquaterra do CICA.

 

Con esta iniciativa trátase de trasladar ao público da cidade o coñecemento científico do tecido investigador que se crea desde a universidade e que pode existir detrás de fenómenos ou obxectos cotiáns, das ferramentas tecnolóxicas que se usan diariamente etc., podendo ser de interese para a cidadanía. Contribúese así a mellorar a cultura científica da sociedade e a percepción que as persoas teñen do labor de investigación que se realiza na UDC.

Infografías_reducida

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC