A Universidade da Coruña convoca, en colaboración co Círculo Escéptico, a I edición dos Premios Isabel Zendal

Nota de prensa
15/04/19 14:27
  • Institucional

A Coruña, 15 de abril de 2019.- A Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o Campus Innova da Universidade da Coruña, en colaboración co Círculo Escéptico, convocan a I edición dos Premios Isabel Zendal coa finalidade de promover o pensamento crítico e a cultura científica.

O concurso ten como obxectivo fomentar a práctica do escepticismo, entendido como o pensamento crítico e racional como ferramenta indispensable para a comprensión do mundo e a toma de decisións na vida diaria, especialmente entre os máis novos.

Deste xeito, os traballos terán que integrar os valores do pensamento escéptico e científico, a difusión do coñecemento, a ciencia e os seus métodos e a refutación das pseudociencias, así como a loita contra a difusión de enganos e noticias falsas.

Poderá participar o alumnado dos centros educativos españois que estean a cursar entre 1º de educación secundaria obrigatoria e 2º de bacharelato, establecéndose dúas categorías de participación (categoría A, para o alumnado de 1º a 3º de educación secundaria obrigatoria e FP básica; e categoría B, para o alumnado de 4º de educación secundaria obrigatoria a 2º de bacharelato e dos ciclos formativos de grao medio).

Os participantes deberán entregar una peza escrita, en forma de artigo periodístico, exposición divulgativa dun experimento desenvolvido polo alumnado, conto ou relato curto. Cada alumno poderá presentar un máximo de dúas obras que deberán ser orixinais e totalmente inéditas.

O xurado valorará a creatividade, a orixinalidade, a adecuación aos valores do pensamento crítico, así como a linguaxe utilizada.

 

Establécense tres premios por cada modalidade: un primeiro premio de 300 euros, un segundo premio de 200 euros e un terceiro premio de 100 euros. Así mesmo, todos os premiados recibirán unha colección de libros editados polo Servizo de Publicacións da UDC e un diploma acreditativo. Ademais, os traballos premiados serán incluídos nunha publicación recompilatoria que editará o Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña.

O prazo de presentación das solicitudes acompañadas dos traballos remata o día 10 de maio.

 

Máis información na seguinte ligazón: www.premioszendal.org

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC