A Universidade da Coruña converterase do 26 ao 28 de xuño no epicentro ibérico para os principais especialistas en aerosois atmosféricos

Nota de prensa

28/02/24 8:17

  • Institucional
  • O Instituto Universitario de Medio Ambiente (IUMA) xunto co Grupo de investigación de Química Analítica Aplicada (QANAP) e en cooperación coa Fundación da Universidade da Coruña (FUAC) e a Asociación Española de Ciencia y Tecnología de los Aerosoles (AECyTA) organizan a 8ª edición da Reunión Ibérica de Ciencia y Tecnología de Aerosoles (RICTA2024).

 

A Coruña, 28 de febreiro de 2024. O congreso RICTA2024 terá lugar entre os días 26 e 28 de xuño na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña.

Ao longo dos tres días que durará o evento, haberá conferencias plenarias e invitadas, ademais de comunicacións orais e en formato panel. Farase especial énfase nos temas de aerosois atmosféricos con visións multidisciplinares de I+D: tecnoloxía, monitorización, composición e natureza, contribución de fontes emisoras, aire interior, impacto na saúde e no medio ambiente. Tamén participarán responsables da administración encargada da vixilancia da calidade do aire, así como as principais casas comerciais que mostrarán as novidades en instrumentación e tecnoloxías no campo dos aerosois atmosféricos.

 Deste xeito, a UDC converterase en punto de encontro de referencia de grupos españois e portugueses activos na investigación de aerosois, así como de investigadores doutros países que serán benvidos.

 

Os aerosois

Os aerosois atmosféricos están formados por material particulado atmosférico constituído por partículas sólidas ou líquidas en suspensión non aire. Os aerosois caracterízanse por unha ampla gama de tipos de partículas con diferente composición, tamaño, forma e propiedades ópticas, dependendo da orixe: natural (erupción volcánica, aerosol mariño,...) ou antrópico (actividades industriais, tráfico, ....) e das transformacións físicas e químicas que ocorren durante o transporte das partículas na atmosfera. A composición química e tamaño dos aerosois afectan directamente á saúde, ao medio ambiente e ao clima repercutindo na sociedade e na economía.

Máis información sobre a 8ª edición da Reunión Ibérica de Ciencia y Tecnología de Aerosoles (RICTA2024) na páxina web do evento.

 

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC