A Coruña, 25 de xaneiro de 2024.- Un grupo de persoal investigador da Universidade da Coruña vén de conseguir unha das 21 cátedras ENIA (Estratexia Nacional en Intelixencia Artificial) que concede o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, anteriormente o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Este último foi quen, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, convocou as axudas para financiar as cátedras universitarias dedicadas á investigación, divulgación, docencia e innovación sobre IA.
Unha das temáticas susceptibles de financiamento no marco desta convocatoria eran os métodos de investigación que buscan reducir o impacto ambiental das aplicacións informáticas, así como o seu uso para atopar solucións sostibles, máis coñecidos como “algoritmos verdes”. Esta categoría foi a escollida polo grupo de investigadores da UDC, liderados pola doutora en Informática Verónica Bolón Canedo, para presentar o seu proxecto en colaboración coa multinacional téxtil Inditex: a Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes.
O proxecto ten como finalidade promover a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento no ámbito da Intelixencia Artificial e dos algoritmos verdes co fin de contribuír ao desenvolvemento sostible e á protección do medio ambiente, sendo algúns dos obxectivos específicos os seguintes:
Segundo Verónica Bolón “a incorporación e colaboración coa multinacional Inditex no marco desta cátedra, permitiranos abordar novos retos aos que se enfronta a industria e, por outra banda, servir como plataforma para probar e escalar os resultados que se xeran no marco da cátedra”. Neste sentido, “Inditex está incorporando a IA, a automatización e o big data á súa estratexia empresarial e a súa cadea de subministración como compromiso decisivo”, engade.
O equipo de persoas que forman parte da cátedra está composto por 20 membros, 16 dos cales adscritos ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC (CITIC). Do colectivo total, 10 son mulleres e 10 homes. Trátase dun grupo multidisciplinar “como é necesario en investigación en algoritmos verdes”, sinala a investigadora principal do proxecto, que require o apoio de grupos de investigación do campo da intelixencia artificial e da informática, de problemas medioambientais, e da investigación ética, social e económica.
En concreto, os compoñentes da cátedra por parte da UDC son:
A impulsora da cátedra, Verónica Bolón, destaca que a súa creación supón a nivel científico a unión de persoal investigador de IA que xa conta cunha traxectoria ampla de colaboración no marco da actividade do CITIC, con reputados investigadores de novas disciplinas como a Psicoloxía, o Dereito, a Lingüística, a Robótica, o Urbanismo/Construción. “Esta combinación de investigadores multidisciplinares axudará sen lugar a dúbida a abordar novas liñas de investigación e dar solución aos problemas e retos identificados no campo dos algoritmos verdes".
Malia que a resolución de concesión de cátedras ENIA do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, que se fixo pública onte, é aínda provisional; a creación da Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes será unha realidade unha vez que transcorra o prazo de dez días hábiles que o Ministerio concede para a aceptación e o envío da documentación necesaria para a posta en marcha do proxecto.
As actuacións desenvolvidas por esta nova cátedra UDC disporán dun financiamento con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de preto de 900.000 euros, cun prazo de execución que remata o 31 de decembro de 2025. A partir de entón o proxecto deberá continuar desenvolvéndose como mínimo un ano máis co financiamento de Inditex.
Foto A doutora en Informática Verónica Bolón Canedo, impulsora da Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos verdes e investigadora principal do proxecto.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC