A Universidade da Coruña completa a súa especialización coa posta en marcha do Campus Innova para as áreas TIC e tecnoloxías innovadoras

Nota de prensa
16/11/18 14:01
  • Institucional

A Coruña, 16 de novembro de 2018.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, presentou hoxe o Campus Innova, a última das tres especialidades universitarias que permitirán “cumprir as complexas responsabilidades que asumimos coa sociedade nunha economía baseada no coñecemento”, segundo avanzou Abalde no acto de presentación do último dos tres campus especializados, logo da posta en marcha do Campus Industrial e o Campus Sustentabilidade.

O acto de presentación do Campus Innova foi presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e contou tamén coa participación do alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, e a coordinadora do Campus Innova, Susana Ladra. A especialización da universidade vai na liña da singularización que reclama a Unión Europea e que se reflicte na Lei do Sistema Universitario Galego. A contribución das universidades á innovación é ademais unha das directrices prioritarias determinadas na Axenda Renovada para a Educación Superior. A innovación, asegurou o reitor, “é hoxe o motor máis importante do crecemento económico e ás universidades compétenos preparar o persoal altamente cualificado que se precisa no mercado laboral e potenciar a nosa capacidade de investigación e de innovación en sectores emerxentes”. Os tempos, continuou Abalde, “esixen especialización para perfilar un verdadeiro ecosistema do coñecemento e da innovación”.

 

Cidade da Tecnoloxía Dixital

A Universidade da Coruña, a través do Campus Innova, quere ser, desvelou o reitor, “axente activo” dese ecosistema innovador baseado no talento e no coñecemento no mundo tecnolóxico e dixital. “Un ecosistema innovador baixo a cultura da colaboración e a cooperación competitiva sen dúbida aumentará a capacidade de multiplicación do sector dixital e tecnolóxico galego e, por ende, dos demais sectores cos que colabora. Un entorno que potencie o emprendemento a través do apoio ás start–ups e spin offs de base universitaria favorecendo a retención do talento xerado nos nosos centros universitarios e atraer talento internacional. Un ecosistema onde Universidade, centros tecnolóxicos especializados e empresas xeren sinerxías que convertan A Coruña, e a súa área metropolitana, nun polo de innovación dixital e tecnolóxico con visión internacional. Unha auténtica Cidade da Tecnoloxía Dixital onde a revolución tecnolóxica na que estamos non sexa unha ameaza senón un elemento de cohesión da sociedade”, manifestou o reitor.

A Universidade da Coruña está a impulsar decididamente un modelo universitario no que a especialización lle permita un posicionamento máis reforzado no contexto nacional e internacional. Logo da posta en marcha do Campus Industrial de Ferrol en 2016, e da primeira das especialidades do campus coruñés, o Campus Sustentabilidade, este mesmo ano, conclúe agora o proceso de especialización da Universidade da Coruña co Campus Innova. A especialización dos campus é, para o reitor, un reto co que se dará “un salto cualitativo na docencia, a investigación e na transferencia de resultados” que implica substanciais modificacións no noso modelo organizativo, pero que son imprescindibles para desenvolver con eficacia e solvencia o papel estratéxico que lle corresponde á Universidade na sociedade e na economía do coñecemento”.

A coordinadora do Campus Innova, Susana Ladra, destacou na súa intervención que “desde o Campus Innova avanzarase no coñecemento científico e tecnolóxico co obxectivo de impulsar a innovación e incrementar así, a competitividade e o benestar da nosa sociedade”. Así mesmo, salientou a excelencia das escolas, facultades e centros de investigación da Universidade da Coruña que se integran neste Campus. 

O principal obxectivo do Campus Innova é consolidar a Universidade como un polo de excelencia rexional, nacional e internacional na innovación dixital, tecnolóxica e humanística que forman as tres áreas vinculadas a este campus: Innova TIC, centrada nas Tecnoloxías da Información e das Comunicacións nomeadamente a ciberseguridade, a intelixencia artificial, a análise e xestión de datos, especialmente en contornas Big Data, e a bioinformática; Innova TECH, referente a tecnoloxías innovadoras en ámbitos como a enxeñaría civil, a edificación, a aeronáutica ou a bioloxía avanzada; e Innova HUMANITAS, que ten como obxectivos a innovación e desenvolvemento de servizos, contidos e infraestruturas dixitais para a educación, o turismo e o lecer, así como a conservación, recuperación e difusión do patrimonio histórico e cultural.

Ao remate da presentación do Campus Innova, o presidente da Xunta de Galicia, o alcalde e as autoridades académicas se trasladaron ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), no Campus de Elviña. Este centro de investigación foi ampliado recentemente, o que lle permitiu duplicar o número de laboratorios de investigación, que pasou de cinco a dez. Ademais, a Xunta de Galicia acaba de concederlle unha agrupación estratéxica de investigación en Enxeñería Civil e Edificación.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC