- A UDC contará con 8 espazos no evento que terá lugar ao longo de todo o día no Parque de Santa Margarida
A Coruña, 9 de maio de 2025.- A Universidade da Coruña sumarase mañá á celebración do Día da Ciencia na Rúa, promovido polo Concello da Coruña, os Museos Científicos Coruñeses, a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e a Cátedra Emalcsa-UDC, e que terá lugar no parque de Santa Margarida en horario de 11:00 a 19:00 horas.
Serán varios os centros e servizos da UDC que contarán cun espazo no evento, os cales organizarán múltiples actividades:
- Desde a Cátedra Emalcsa-UDC, que ademais participa na organización da xornada, haberá un espazo dedicado á divulgación ambiental do programa “COAWA: A Comunidade da Auga”, que quere amosar a importancia da auga como un servizo ecosistémico indispensable para a sociedade. Así, realizaranse actividades relacionadas co medio natural vinculado á auga en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat, e a presentación do proxecto “Amor de Auga Lixeira” do IES Rafael Dieste sobre as fontes da cidade. Tamén desenvolverán actividades interactivas: xogos, identificación de especies, caracterización da auga etc.; todo iso, para por en valor e coñecer mellor a xestión da auga na nosa contorna.
- Ampla actividade haberá na oferta dos centros de investigación da UDC. Así, o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC (CICA) levará 12 obradoiros con outros tantos grupos de investigación, que terán lugar ao longo de toda a xornada e versarán sobre temas de saúde, sustentabilidade e nanociencia. Pola súa banda, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC (CITIC) ofrecerá unha serie de retos e talleres relacionados co seu programa “Talentos Inclusivos”, e tamén diversos xogos e actividades que achegarán ao público a realidade virtual, a intelixencia artificial ou a bioinformática. No caso do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), presentará as miniaturas dalgunhas das máquinas máis emblemáticas coas que conta este centro de investigación da UDC; e reproducirá ensaios dos que teñen lugar no día a día das súas instalacións.
- A Facultade de Ciencias ten organizados diversos xogos para aprender sobre o ADN en Arqueoloxía, os contaminantes ambientais ou a Bioquímica e a Bioloxía Molecular.
- No caso da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos proporá varias actividades vencelladas á Enxeñaría Civil, como a construción de pontes e outro tipo de estruturas, ou a análise de transporte.
- A Unidade de Divulgación Científica e Cultural da UDC contará cun amplo programa de actividades con temáticas moi diversas: o uso positivo da IA, química, enerxía eólica, aforro de auga, a importancia das abellas ou electricidade, entre outras.
- O Grupo de Divulgación Científica e Innovación Docente UDCiencia d+i participará cunha serie de obradoiros sobre física, animais mariños e “CSI Coruña”, unha iniciación á análise forense de ADNie dactiloscopia.
En total serán 8 carpas da UDC, nas que participará preto dun centenar de persoal investigador ao longo da xornada.