A Universidade da Coruña celebra o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia cunha xornada científica na DOMUS

Nota de prensa
7/02/19 12:33
  • Institucional

A Coruña, 7 de febreiro de 2019.- Con motivo da celebración, o vindeiro 11 de febreiro de 2019, do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a Unidade de Divulgación Científica e Cultural da Universidade da Coruña e o grupo de investigación Neurocom organizan, en colaboración cos Museos Científicos Coruñeses e a agrupación UDC-BigBang, unha Xornada Científica na DOMUS.

De 11:00 a 16:00 horas, está previsto que se celebren obradoiros científicos coa fin de achegar á ciencia a todos os públicos.

Ás 19:00 horas, haberá unha conferencia, aberta a todo o público, que leva como título  "Cerebro, olfacto e emocións" a cargo da doutora Laura López-Mascaraque, investigadora científica do CSIC e Premio Europeo de Divulgación 2018 da Fundación DANA.

Dos cinco sentidos, o olfacto é o máis descoñecido, pero tamén o primeiro, o máis directo, o que máis lembranzas evoca e aquel que perdura máis na memoria. É o camiño máis curto ás emocións, que son capaces de cambiar o comportamento. Na súa intervención, López-Mascaraque falará deste sentido, o único que ten neuronas en contacto co exterior e ao que se lle adica unha parte considerable do xenoma, cuns mecanismos de plasticidade e reconexión inigualables en calquera outra rexión do sistema nervioso, capaz de afectar á vida de xeito que non se pode nin imaxinar.

Laura López-Mascaraque é investigadora científica do CSIC e Premio Europeo de Divulgación 2018 da Fundación DANA. Dirixe un grupo de investigación no Instituto Caja, do que foi vicedirectora. 

Foi investigadora postdoutoral en Estados Unidos (Washington University en St. Louis-Missouri e no Salk Institute en San Diego, California). É presidenta e cofundadora da Red Olfativa Española e presidenta do Comité de Mulleres en Neurociencia da Sociedad Española de Neurociencia, da que foi Secretaria Científica. Tamén é membro da European Dana Alliance for the Brain e editora na revista Frontiers in Neuroscience. Foi adxunta da Agencia Nacional de Evaluación y Prospectiva na área de Biomedicina. É coautora do libro El olfato, da colección ¿Qué sabemos de?, das editoriais CSIC e Los Libros de la Catarata. Publicou máis de 60 artigos en revistas internacionais; ten impartido clases en varios cursos de Mestrado e Doutoramento en España e o extranxeiro, así como en cursos de verán e talleres e conferencias divulgativas.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC