A Coruña, 12 de xaneiro de 2023.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, presentarán mañá, venres, 13 de xaneiro, ás 11:30 horas, en rolda de prensa, aos novos investigadores Ramón y Cajal captados pola UDC.
O programa Ramón y Cajal do Ministerio de Ciencia e Innovación promove esta convocatoria para incorporar persoal investigador, español ou estranxeiro, cunha traxectoria destacada, en universidades e centros de I+D españois. A convocatoria Ramón y Cajal está considerada como a máis relevante para captar e reter talento investigador en universidades e centros de investigación. As persoas beneficiarias terán financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación durante cinco anos para desenvolver o seu proxecto investigador na universidade ou centro que elixan. A Universidade da Coruña complementa este financiamento con axudas propias ademais de dar facilidades para estabilizar a este persoal investigador excelente ao remate da vixencia da súa axuda estatal.
Á rolda de prensa, que terá lugar na Sala de Prensa da Reitoría (A Maestranza), asistirán o novo persoal investigador que se incorpora como docente e investigador:
Juan Manuel Bermúdez García, licenciado en Química pola Universidade de Granada e doutor en Química Ambiental e Fundamental pola Universidade da Coruña, con experiencia nas universidades de Oxford e Cambridge, incorpórase ao Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA).
José Luis Rodríguez Sánchez, doutor en Física Nuclear e de Partículas pola Universidade de Santiago, traballou no centro internacional de investigación GSI/FAIR (Darmstadt - Alemaña). Incorpórase ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), no Campus de Ferrol.
Vanessa Álvarez López, Licenciada en Bioloxía e doutora do programa de Medio Ambiente e Recursos Naturais pola USC. Incorpórase ao CICA.
Juan Antonio Fafián Labora, licenciado en Química pola USC e doutor pola UDC. Traballou na Queen Mary University of London e retornou á UDC cunha axuda da Xunta de Galicia. Incorpórase ao CICA.
Verónika Georgieva Chobanova, de orixe búlgaro, realizou a súa formación en Alemaña, onde se doutorou no Instituto Max Planck de Física. Traballou na USC e incorpórase ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC).
Cristina Fernández Bessa, doutora en Dereito, especialidade en Criminoloxía e Socioloxía Xurídicopenal pola Universitat de Barcelona, con experiencia nas universidades Northern Arizona (EEUU.), Studi di Torino (Italia) e Polish Academy of Sciences (Polonia). Incorpórase á Facultade de Dereito.
Luis Alejandro Blanco, licenciado en Bioloxía pola UDC, especialista en Biodiversidade Animal pola UB e doutor en Paleontoloxía pola UAB. Foi investigador na Bayerische Staatssammlung für Paläontologie und Geologie (Múnich, Alemaña) e na UDC. Incorpórase á Facultade de Ciencias.
Con estas sete novas incorporacións, a Universidade da Coruña suma xa un total de 21 investigadores Ramón y Cajal.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC