A Coruña, 4 de febreiro de 2026
O Consello de Goberno da Universidade da Coruña aprobou hoxe a proposta de límite de prazas de novo acceso de grao e máster para o curso 2026/27. A UDC proporá incrementar 54 prazas nun total de cinco titulacións de grao. Deste xeito, pasarán a sumarse ás actuais 3374 prazas, en 55 graos. A solicitude recolle un aumento de 25 en Arquitectura Técnica, pasando de 50 a 75; sete en Bioloxía, pasando de 63 a 70; cinco en Ciencia e Enxeñaría de Datos chegando aos 65; 10 no Grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos, ata chegar ás 60; e 7 no de Relacións Internacionais, ascendendo a un total de 30.
No caso dos másters, cun total de 79 titulacións, dous deles nova implantación, a oferta total de prazas prevé achegarse ás 1800. Neste caso, solicítase a Secretaría Xeral de Universidades un incremento de 32 prazas en catro titulacións. Trátase do Máster en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria, do Máster en Planificación e Xestión de Destinos e Produtos Turísticos; o Máster de Informática Industrial e Robótica e o de Tecnoloxía Téxtil e Moda Sostible.
En materia de titulacións, foi aprobada a posta en marcha do Curso de Formación Especifica de Adestramento Físico Adaptado a Persoas con Cancro, dirixido a profesionais de Ciencias da Actividade Física e o Deporte e de Ciencias da Saúde que desexen afondar na planificación, deseño, aplicación e supervisión de adestramentos adaptados a persoas con diferentes perfís e tipos de cancro. O obxectivo deste curso é ofrecer a formacíón que permita realizar programas personalizados de actividade física a persoas con cancro, toda vez que hai evidencias do papel de fundamental que ten o deporte antes, durante e despois dos tratamentos. Este programa formativo enmárcase dentro da Cátedra AECC - UDC Exercicio Contra o Cancro. Terá un formato híbrido e a preinscrición abrirase o próximo mes de abril. Por outra banda, aprobouse tamén a microcredencial Prescrición de Prácticas Motrices na Enfermidade Renal Crónica (ERC), un programa online que ten como obxectivo preparar ao estudantado para identificar as características e os niveis de gravidade da ERC; valorar a capacidade física; deseñar plans de acondicionamento físico adaptados; recoñecer riscos e contraindicacións das prácticas motrices; e comprender a importancia do traballo multidisciplinar.
Procesos electorais na UDC
No seu informe, o reitor da UDC, Ricardo Cao, informou do desenvolvemento dos procesos electorais no seo da institución, en liña co marcado polos novos Estatutos. Así, explicou que nos próximos meses levaranse a cabo varias eleccións. De feito, a próxima semana poranse en marcha os procesos electorais a representantes de Claustro, Xuntas de Centro e Consellos de Departamento, coa previsión de que as votacións teñan lugar no mes de marzo.
Nestes momentos está en marcha o procedemento para escoller as direccións dos centros de investigación, cuxas votacións serán o 13 de febreiro. A principal novidade, ademais da democratización da elección dos cargos que determinaron os Estatutos, é o feito de que haberá votación a pesar de terse proclamado un so candidato por centro. Así, a persoa candidata deberá obter o apoio de máis da metade dos votos. De non ser o caso, deberá procederse á convocatoria dun novo proceso electoral.
En liña con estes procesos, Cao informou que a Escola Internacional de Doutoramento xa celebrou as eleccións, resultando elixida Ana Belén Maseda Rodríguez, que substituirá a Rodolfo Barreiro, director da escola ata o de agora e para o que o reitor tivo palabras de agradecemento pola súa dedicación ao longo destes anos, o mesmo que para o seu equipo.
Designación de representación da Sociedade xestora das TIC
O Consello de Goberno designou os novos membros que representarán á UDC na sociedade xestora da Cidade das TIC nesta nova etapa na que a presidencia pasa a ser ostentada polo Concello da Coruña. Esta representación recae no reitor, Ricardo Cao; na adxunta de Investigación, Amalia Jácome, e na xerenta da UDC, María Jesús Grela.
Solidariedade coa Universidade de Birzeit
Por último, a UDC aprobou unha declaración en solidariedade coa Universidade de Birzeit (Cisxordania) e co pobo palestino, en liña co realizado o pasado 14 de xaneiro pola CRUE. Nela expresa a súa profunda preocupación e a súa firme condena polos feitos sucedidos o pasado 6 de xaneiro na Universidade de Birzeit, en Cisxordania, relativos a unha actuación militar do exército israelí que tivo lugar no campus da institución universitaria durante o desenvolvemento da actividade académica.
Ante estes feitos, a UDC esixe o respecto estrito do dereito internacional aplicable, a protección efectiva da comunidade universitaria (estudantado, profesorado e persoal) e a salvagarda da seguridade, a integridade e a autonomía das universidades.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC