A Coruña, 1 de febreiro de 2019.- O próximo 6 de febreiro terá lugar a celebración do “Foro A Coruña 2030, cara a unha comunidade sustentable” organizado por Radio Coruña Cadena SER coa colaboración da Universidade da Coruña.
Ás 12:00 horas, na Biblioteca da Escola Técnica Superior de Arquitectura, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, inaugurará unha sesión técnica que contará coa participación de Araceli Rodríguez, portavoz do Eco-distrito La Pinada (Valencia); Llorenç Fernández Matamoros, director de Planificación do Ayuntamiento de Sant Boi de Llobregat; Laura de Vega Franco, directora de Desenvolvemento Sustentable do Grupo Suez e encargada da xestión da Biofactoría Sur de Granada.
Pola súa parte, a alta comisionada de España para a Agenda 2030, Cristina Gallach; e o presidente de Portugal Inovaçao Social, Filipe Almeida; inaugurarán oficialmente o “Foro A Coruña 2030, cara a unha comunidade sustentable”, ás 19:30 horas na Fundación ABANCA. O acto será presentado polo director de Contidos de Radio Coruña Cadena SER, Marcos Sanluis, e contará tamén coa presenza do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o alcalde, Xulio Ferreiro.
A iniciativa pretende albiscar os camiños que se están percorrendo para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) marcados polos líderes mundiais. A través de diferentes relatorios, técnicas e institucionais, sobre as diferentes iniciativas globais e concretas que se están desenvolvendo, o Foro busca achegar ao conxunto da sociedade coruñesa e galega experiencias que se desenvolven a nivel internacional para lograr un mundo sustentable.
“A Coruña cara a unha comunidade sustentable 2030”
Primeiro Foro - 6 de febreiro 2019
Sesión técnica - Biblioteca ETS. de Arquitectura, 12:00h.
Araceli Rodríguez. Eco-distrito La Pinada, Paterna.
Desenvolvemento urbano eco-sustentable desde o emprendemento cidadán.
O Barrio La Pinada, en Paterna (Valencia), está a ser codiseñado polos seus futuros habitantes. No concepto intégranse dimensións como o consumo (case) cero enerxía e a reutilización de augas, a mobilidade sustentable e peonalización, a integración na natureza, economía compartida e circular, distintas fórmulas habitacionales, calidade do aire e a comodidade de servizos e comercios a pé de rúa. Barrio La Pinada, que está actualmente en fase de deseño, levantarase sobre un terreo de 250.000 m2 e será o fogar de 1.000 familias.
Araceli Rodríguez forma parte do equipo que impulsa este novo proxecto, único en España, sendo a persoa que lidera os temas de Innovación Social Impacto e creación de comunidade no barrio. É licenciada en Económicas pola Universidad de Valencia, ademais de contar con un EMBA pola ESIC Business & Marketing School e os estudos en International Business Management pola holandesa Hogeschool van Arnhem en Nijmegen.
Llorenç Fernández Matamoros. Director Planificación do Ayuntamiento Sant Boi de Llobregat.
O camiño da planificación municipal para a Axenda 2030.
Cidade do cinto metropolitano de Barcelona de 80.000 habitantes, Sant Boi foi a única de España en gañar dúas veces o máximo recoñecemento do Premio Ciudad Sostenible. Este concello foi pioneiro na implantación de políticas para loitar contra o cambio climático. Medidas como a estratexia na recollida selectiva de residuos (proxecto R que R) ou a xestión sustentable da enerxía. O 60% do territorio de Sant Boi é agrario, forestal ou fluvial. O municipio converteuse nun ‘pulmón verde’ metropolitano, goza de moi bos índices de calidade do aire e dunha contorna natural de gran valor paisaxístico, ecolóxico e ambiental.
Llorenç Fernández Matamoros é Xefe da Unidade de Asistencia á Planificación e Avaliación do Ayuntamiento de Sant Boi de Llobregat. Coordinador da Oficina Técnica da Estratexia de Desenvolvemento Sustentable Integrado. Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración e Diplomado en Xestión e Administración Pública pola Universidad de Barcelona, a súa traxectoria profesional está vinculada ao sector público e a xestión administrativa. Traballou no Ministerio de Economía y Hacienda, a Agencia Estatal Tributaria e o Ayuntamiento de Sant Boi de Llobregat.
Laura de Vega Franco. Directora de Desenvolvemento Sustentable de SUEZ Área Centro Norte.
A economía circular aplicada ao ciclo integral da auga.
A Biofactoría Sur de Granada, xestionada por Emasagra (empresa municipal de abastecemento e saneamento participada polo Ayuntamiento Selecta e Hidralia (Grupo Suez), converteuse nun referente en Europa da economía circular no sector.
Actualmente, dos 18 millóns de m3 de auga tratados na instalación cada ano, o 100% é reutilizada e destinada á rega agrícola. Os lodos son transformados en abono, tamén destinado fundamentalmente a uso agrícola. A biofactoría logrou ademáis pasar de ser consumidora de enerxía a produtores de enerxía.
Laura de Vega Franco é licenciada en Ciencias Químicas pola Universidad de Valladolid. Máster en Xestión Integral da auga (U.P.C) e Máster en Xestión de Calidade e Medio Ambiente (Cámara de Comercio Valladolid). Desempeñou traballos de distinta responsabilidade dentro do Grupo SUEZ durante os últimos 15 anos, como Responsable de Calidade e Medio Ambiente e Responsable de Tratamentos da auga. Desde o ano 2016 desempeña labores de Directora de Desenvolvemento Sustentable en Galicia e outras sete Comunidades Autónomas. A economía circular é un dos eixos crave nos proxectos levados a cabo no ámbito da sustentabilidade dentro do grupo.
Sesión inaugural - 6 de febreiro - Fundación ABANCA 19:30h.
Aqueles interesados en asistir deberán confirmar a súa asistencia (foro@radiocoruna.es / 981222132).
Cristina Gallach. Alta comisionada de España para a Agenda 2030.
O papel da Administración Local, o Marco Regulatorio e Económico para os próximos anos.
“‘Transformar Nuestro Mundo” é o lema da Agenda 2030, a nova axenda internacional que debulla os obxectivos da comunidade internacional no período 2016-2030 para erradicar a pobreza e favorecer un desenvolvemento sustentable e igualitario.
Licenciada en Xornalismo pola Universidad Autónoma de Barcelona, foi beneficiaria dunha bolsa Fulbright para cursar un máster de política internacional coa especialización en Diplomacia, Seguridade e Defensa na Universidad de Columbia, EEUU. Como alta comisionada desde mediados de 2018 está encargada da coordinación das actuacións para o cumprimento da Agenda 2030 da ONU. É a única muller española que estivo en postos de relevancia nas tres grandes organizacións internacionais: a UE, a ONU e a OTAN. Nos últimos anos concentrou a súa actividade profesional na igualdade de xénero e a promoción da diversidade e a inclusión nas Institucións Europeas.
Filipe Almeida. Presidente Portugal Inovação Social.
A innovación e o emprendemento social. O novo marco financeiro e político para a transformación social e económica do sector social.
Inovação Social é unha iniciativa pioneira impulsada polo goberno portugués que ten como obxectivo promover e financiar desde a iniciativa privada proxectos de innovación e emprendemento social en Portugal. Un instrumento financeiro dotado de 150 millóns de euros. Portugal Inovação Social xestiona catro instrumentos de financiamento: Capacitação para o Investimento Social, Parcerias para o Impacto, Títulos de Impacto Social e Fundo para a Inovação Social. Estes supuxeron unha revolución na relación entre o capital privado e e o desenvolvemento de proxectos e iniciativas de marcado carácter social.
Filipe Almeida está doutorado en Administración pola Escola Brasileira de Administración Pública e de Empresas da Fundación Getúlio Vargas (Río de Janeiro, Brasil) e é profesor en Ciencias Empresariais na Facultade de Economía da Universidad de Coimbra. Estudó un posgrao especializado en xestión e administración de empresas no Virginia Polytechnic Institute and State University. É autor do libro Ética, Valores Humanos e Responsabilidade Social das Empresas e co-organizador do libro Governance and Management Models in Higher Education.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC