A Universidade da Coruña acolle o Congreso da Asociación Española para a Economía Enerxética

Nota de prensa
11/01/19 13:42
  • Institucional

A Coruña, 11 de xaneiro de 2019.-. A Reitoría da Universidade da Coruña acollerá entre os vindeiros días 30 de xaneiro e 1 de febreiro o XIV Congreso da Asociación Española para a Economía Enerxética (AEEE) que nesta edición leva como temática a transición enerxética.

O congreso, organizado por un comité presidido polo profesor da Facultade de Economía e Empresa Fernando de Llano, é unha das citas máis importantes para o sector empresarial e académico pola calidade dos traballos que se van presentar así como polos académicos, xestores e personalidades que participan. O congreso reunirá na Universidade da Coruña a investigadores e académicos de primeiro nivel de distintas universidades españolas e europeas e a profesionais e xestores de empresas relacionadas coa economía, a enerxía e a xeración eléctrica como Iberdrola, Naturgy, Endesa, EDP, REE, AELEC, Repsol ou Cepsa.

O programa comezará o mércores, 30 de xaneiro, ás 19:00 horas no Paraninfo da Reitoría cunha mesa de debate sobre a mobilidade nas cidades, aberta ao público e que contará coa participación de Ibon Galarraga, presidente da AEEE; Gonzalo Sáenz de Miera, de Iberdrola; e Daniel Díaz Grandío, responsable de Mobilidade do Concello da Coruña. As actividades continuarán ao día seguinte, xoves, 31 de xaneiro, coa apertura oficial ás 9:00 horas e coa conferencia inaugural a continuación de Carmen Becerril, presidenta do OMEL (Operador do mercado ibérico da enerxía). O venres, 1 de febreiro, ademais de diversas sesións, intervirá cunha conferencia o deputado no Parlamento Europeo José Blanco.

O Congreso anual da AEEE, asociación fundada entre outros por Xavier Labandeira, experto mundial en Loita contra o Cambio Climático, foi acollido previamente en distintas cidades españolas como Madrid, Barcelona, Valencia, Pamplona, Zaragoza ou Vigo, no ano 2010. 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC