A Coruña, 3 de xullo de 2025.– A UDC abre unha II edición do Máster en Innovación e Dixitalización Financeira, titulación que se puxo en marcha o curso pasado e que ven de obter “moi bos resultados”, tal e como destaca o seu coordinador, Óscar Pedreira. Trátase dunha proposta formativa dirixida a dotar do coñecemento necesario para abordar os retos das finanzas dixitais, xunto cos distintos soportes tecnolóxicos que dan soporte ás áreas financeiras das empresas.
Este máster, único en Galicia, posibilita a obtención de dúas titulacións: a Certificación como Consultor SAP e a titulación de Máster da UDC en Innovación e Dixitalización Financeira.
O entorno SAP dispón dun software composto de módulos integrados que cobren todos os aspectos da xestión empresarial. Proporciona solucións integrais para loxística, inventarios, distribución e finanzas. Este software financeiro é escollido polas principais multinacionais, tendo ampla presencia a nivel local e internacional, sendo o consultor SAP un dos perfís máis demandados no sector da tecnoloxía financeira.
450 horas de formación e prácticas remuneradas
A primeira promoción, composta por 26 alumnos e alumnas, vén de graduarse esta semana nun acto celebrado na Reitoría da UDC. O 100% do alumnado obtivo o certificado en SAP Finance and Controlling, que ten un recoñecemento profesional a nivel internacional. Cada unha das persoas participantes realizará un período de prácticas remuneradas dun mínimo de tres meses nalgunha das empresas patrocinadoras deste máster.
Organizado pola UDC, esta II edición realízase en colaboración con 10 empresas, PwC, Deloitte, KPMG, EY, Accenture, Minsait, Corporación Hijos de Rivera, Inditex, Seidor e Inetum . Ten 450 horas de formación e contará cunha bolsa de prácticas remuneradas nas empresas colaboradoras.
Cun total de 20 prazas, toda a información pode consultarse xa na web https://masterfinanzasdigitales.udc.es/. O período de inscricións está aberto ata o próximo 14 de xullo.
A Coruña, referente TIC
Na Coruña, sede de ao redor de 700 empresas do sector TIC (27% do total de Galicia), tense configurado un ecosistema tecnolóxico moi relevante. Na actualidade, o conxunto formado polo CITIC, a Cidade das TIC e a AESIA, constitúe un referente do sector, tendo á Universidade da Coruña como un dos principais aliados para a formación e atracción do talento demandado por ese ecosistema empresarial TIC.
Fotos: imaxes do acto de graduación da primeira promoción do Máster en Innovación e Dixitalización Financeira.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC