A Universidade da Coruña abre hoxe o prazo para acreditar un nivel B1 en inglés e poder optar a unha praza no grao en Xestión Industrial da Moda

Nota de prensa
20/04/21 11:30
  • Institucional

• O Grao en Xestión Industrial da Moda está recoñecido como multilingüe en inglés pola Xunta polo que o coñecemento de inglés é requisito obrigatorio. • O Centro de Linguas da UDC realiza probas de acreditación, para as que ten aberto o prazo de inscrición.

Ferrol, 20 de abril de 2021.- A Universidade da Coruña abre mañá, martes 20 de abril, o prazo para acreditar un nivel B1 en inglés e poder optar así a unha praza no grao en Xestión Industrial da Moda no curso 2021/22. Todos aqueles estudantes interesados en cursar esta titulación terán que remitir o seu certificado de coñecemento ou de dominio do idioma a través da páxina web www.gradoindustrialmoda.udc.gal antes das 23:59 horas do mércores 16 de xuño. A acreditación do cumprimento deste requisito non exime ao alumnado da realización dos trámites de acceso e admisión á universidade.

O coñecemento do idioma poderá acreditarse presentando unha certificación oficial de nivel B1 en inglés sempre e cando este documento estea recoñecido pola Asociación de Centros de Linguas na Ensinanza Superior (ACLES). O alumnado interesado en cursar o grao en Xestión Industrial da Moda tamén poderá presentar o seu expediente académico de Bacharelato e acreditar un nivel B1 en inglés se conta cunha nota media igual ou superior a 7 nesta materia. Como novidade, este ano, o estudantado procedente dos centros de titularidade pública de Galicia non terá que presentar o expediente, sempre e cando a nota media de inglés sexa igual ou superior a 7. Pola contra, si que a terán que presentar aqueles alumnos ou alumnas que cursasen os seus estudos de Bacharelato en centros de titularidade privada tanto de Galicia, así como de centros públicos e privados doutras comunidades autónomas.

Do mesmo xeito, tamén poderá acreditar un nivel B1 de inglés aquel alumnado que teña cursado 4º da ESO ou un curso de Bacharelato nun sistema educativo de fala inglesa así como calquera estudante que presente un diploma de asistencia, aproveitamento e /ou dominio de nivel B1 ou superior en inglés do Centro de Linguas da Universidade da Coruña ou de calquera outra universidade española.

 

Unha titulación multilingüe e única en España

O grao en Xestión Industrial da Moda é o primeiro grao multilingüe (inglés, castelán e galego) do Sistema Universitario Galego. De feito, o alumnado interesado en cursar esta titulación debe acreditar, en tempo e forma, ante a Universidade da Coruña, un nivel B1 en inglés. O grao impártese na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol, oferta un total de 50 prazas e a súa nota de corte no curso 2020/21 foi de 10,330.

            Do mesmo xeito, esta titulación é única tamén en todo o Sistema Universitario Español polo seu innovador e ambicioso plan formativo. O obxectivo final destes estudos é que o alumnado adquira coñecementos e competencias de toda a cadea de valor da industria da moda. Así, ao longo da súa formación, o estudantado afonda en cuestións relativas ao deseño, ao management, á enxeñaría de procesos e aos sistemas de información ou á sustentabilidade.

 

Probas ACLES no Centro de Linguas da Universidade da Coruña

            O Centro de Linguas da Universidade da Coruña convoca as Probas ACLES para acreditar un nivel B1 e un nivel B2 en inglés os días 21 e 20 de maio respectivamente. O prazo de inscrición estará aberto ata o 30 de abril e o prezo das probas é de 70 euros para o membros da comunidade UDC e de 110 euros para o público xeral. As persoas interesadas en realizar este proba de acreditación poden chamar o 881 01 4752 ou enviar un email coa súa consulta a centrodelinguas@udc.es.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC