A Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar conta cun espazo de seu no Centro de Investigación Tecnolóxicas II do Campus de Ferrol

Nota de prensa
4/05/21 13:23
  • Institucional

Ferrol, 4 de maio de 2021.- A Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF) dispón desde esta semana dun espazo de seu no Centro de Investigacións Tecnolóxicas II do Campus de Ferrol. Logo de quince anos no Hospital Naval, esta unidade, adscrita á Facultade de Enfermaría e Podoloxía, muda a súa localización co obxectivo de pór en marcha encontros científicos e de botar a andar diversas colaboracións con distintos servizos de saúde mental a nivel comarcal e autonómico.

Tal e como indica o director da UIICF, o profesor Valentín Escudero Carranza, no seu novo emprazamento, a unidade conta con dúas salas de terapia que traballan de xeito simultáneo e outras dúas salas anexas destinadas a funcións de supervisión e investigación. A maiores, conta tamén cun espazo para a recepción, tres postos de traballo informatizados que permiten a atención terapéutica en liña e unha sala de espera. A isto hai que sumarlle a existencia dunha aula que será empregada para a realización de terapias en grupo, a organización de encontros profesionais así como a realización doutras actividades promovidas pola coordinación e mais polo alumnado do máster en Intervención e Coidado Familiar.

 

Máis de 190 solicitudes no Programa Afrontemos 21

En novembro de 2020, a Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF) puxo en marcha o Programa Afrontemos 21, unha iniciativa de atención psicolóxica dirixida a toda a comunidade universitaria e ás súas familias. Trátase pois, dun programa de atención especializada e gratuíta dirixida a todas aquelas persoas que poidan estar a pasar por unha situación de estrés ou crise psicolóxica tales como ansiedade, sentimentos de soidade, estados de tristeza e/ou nostalxia, afrontamento de enfermidades e/ou perdas, pensamentos recorrentes, conflitos familiares, académicos ou laborais.

Tal e como salienta do director da UIICF, Valentín Escudero Carranza, ata o día de hoxe, a unidade recibiu un total de 194 solicitudes de atención das que 95 xa foron ou están a ser resoltas de xeito presencial ou telemático. Nesta mesma liña, o profesor da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, indica que hai un total de 99 solicitudes pendentes que se xestionarán nun prazo máximo de dúas semanas dado que se trata de casos que non requiren dunha atención inmediata. A lista de agarda para dispor dunha cita no marco do Programa Afrontemos 21 é de nove semanas. A UIICF está tratando de reducir este período ao máximo pero a crise sanitaria derivada da COVID-19 non permite, polo momento, botar man das denominadas terapias de grupo.

Todos aqueles membros da comunidade universitaria que así o estimen oportuno poderán solicitar unha cita no Programa Afrontemos 21 enviando un correo electrónico cos seus datos persoais a interfam@udc.es ou ben chamando ao 646 102 004. Os horarios de atención son: luns (de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas), mércores (de 16:00 a 20:30 horas) e xoves (de 16:00 a 20:30 horas). A consulta poderá realizarse de xeito presencial ou en liña, terá unha duración aproximada duns 50 minutos e estará atendida e supervisada en todo momento polo equipo do UIICF.

 

Un servizo de investigación aplicada: atención gratuíta e especializada

A Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF) é un servizo de investigación aplicada que ofrece atención gratuíta e especializada ás familias. A súa misión é a de investigar como mellorar a atención terapéutica e educativa ás familias así como a de formar a profesionais neste campo. Do mesmo xeito, ofrece unha intervención de calidade no que atinxe ás relacións de parella, aos problemas psicolóxicos, o maltrato, o falecemento dun familiar, aos problemas escolares ou ás dificultades na adolescencia.

A UIICF, adscrita á Facultade de Enfermaría e Podoloxía do Campus de Ferrol, é un Centro Sanitario autorizado polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) para os servizos de psicoloxía clínica e sanitaria. O profesor Valentín Escudero Carranza dirixe un equipo integrado por dous profesores de Psicoloxía e Ciencias da Saúde e no que colaboran unha psiquiatra, catro psicólogos, dúas educadoras sociais e unha coordinadora administrativa que se encarga tamén da atención ao usuario.

 

Foto: Parte do equipo da Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar (UIICF) durante unha reunión de traballo diante do Centro de Investigacións Tecnolóxicas II do Campus de Ferrol. Valentín Escudero Carranza, o segundo pola esquerda.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC