A Unidade Mixta de Investigación UDC-Navantia consolida os avances no proxecto “Estaleiro 4.0: o estaleiro do futuro”

Nota de prensa

5/02/19 11:13

  • Institucional

Ferrol, 5 de febreiro de 2019.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, asistiron onte en Navantia Ferrol á reunión de consolidación da Unidade Mixta de Investigación (UMI) UDC-Navantia que traballa no proxecto “Estaleiro 4.0: o estaleiro do futuro”, xunto co director da UMI, Carlos Merino, e a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey.

Neste encontro de traballo presentáronse algúns dos resultados do traballo realizado e abriuse unha nova etapa de consolidación na que se abrirán nova liñas de investigación ademais de profundizar nas existentes.

A UMI UDC-Navantia constituiuse no ano  2015, co apoio de Gain, para desenvolver o proxecto do Estaleiro 4.0 que serviría de soporte ao proceso de transformación do estaleiro orientado á sustentabilidade da empresa no mercado do séxulo XXI, coa innovación tecnolóxica como soporte esencial do proceso.

O obxectivo da UMI é o desenvolvemento de novas técnicas e tecnoloxías que permitan incrementar a competitividade do estaleiro para afrontar o desafío técnico industrial do programa de fragatas F-110, mediante a mellora dos procesos produtivos e o desenvolvemento doutros novos de tal forma que se incremente a produtividade e se reduzan tempos e custes. Despois do éxito acadado na etapa anterior na que se desenvolveron cinco liñas de investigación e quince actuacións ou proxectos concretos, os obxectivos concretos desta etapa son: a transformación dixital do estaleiro, a optimización de todos os procesos produtivos, o desenvolvemento dunha nova planta e a introdución de tecnoloxías disruptivas.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC