A Coruña, 7 de marzo de 2026
A Universidade da Coruña participou esta semana nas V Xornadas CRUE-Docencia, celebradas na Universitat Jaume I de Castellón. Unha cita na que se debateu sobre aspectos tan relevantes como a irrupción da intelixencia artificial na docencia universitaria ou os proxectos formativos que incorporan metodoloxías innovadoras. A UDC estivo representada polo vicerreitor de Titulacións e Internacionalización, Moisés Canle e o adxunto de Formación e Desenvolvemento de Titulacións, Andrés Piñón.
Moisés Canle foi o encargado de moderar a mesa redonda sobre “A intelixencia artificial na docencia universitaria: avaliación, formación do profesorado e gobernanza académica”. Unha sesión na que se avaliou a transformación que está provocando a IA xenerativa nos procesos de ensino-aprendizaxe e, especialmente, os métodos de avaliación, expoñendo os retos en termos de integridade académica, autoría e equidade.
Entre as conclusións desta mesa de análise destacan: a necesidade de redeseñar o modo en que se está a ensinar na universidade e os procedementos de avaliación; a educación nun uso responsable das ferramentas de IA xenerativa, así como a necesidade de incrementar a competencia dixital do profesorado neste eido e a importancia de garantir que esta nova irrupción tecnolóxica non xere novos modos de desigualdade, especialmente entre o estudantado.
Os relatores desta mesa redonda foron Elisabet Golobardes, vicerreitora de Ordenación e Calidade Académica da Universitat Ramon Llull; Pablo Pavón, vicerreitor de Estratexia Dixital e Intelixencia Artificial da Universidad Politécnica de Cartagena e Pepa Mosteiro, profesora titular do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade de Santiago de Compostela.
Pola súa banda, Andrés Piñón interveu xunto ao vicedirector do Grao en Arquitectura Técnica da UJI, no obradoiro centrado nas “Estruturas curriculares e flexibles: proxectos e itinerarios abertos”. Unha sesión ao redor do RD 822/2021, que impulsa modelos curriculares máis flexibles, centrados en resultados de aprendizaxe, competencias e traxectorias formativas personalizadas.
O obradoiro abordou tanto o potencial transformador deste modelo académico como as dificultades normativas, organizativas e de avaliación que suscita e acarrea, polo que resultou de moito interese para as persoas asistentes.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC