A UDC poñerá en marcha no CITIC un innovador programa de doutoramento cofinanciado pola Comisión Europea

Nota de prensa

11/03/21 14:40

  • Institucional
  • O programa suporá a captación internacional de oito investigadores/as que se integrarán nos equipos de investigación do CITIC.
  • O importe da concesión ascende a 650.000 euros.
  • Trátase do primeiro programa concedido a unha institución galega dentro da prestixiosa convocatoria europea.

 

A Coruña, 11 de marzo de 2021.- O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña obtivo unha axuda de 650.000 euros por parte da Comisión Europea para a posta en marcha do innovador programa de captación de talento predoutoral excelente 3-i ICT (international, interdisciplinary and inter-sectoral Information and Communications Technology PhD Programme).

O programa permitirá a captación a nivel internacional de oito investigadores/as predoutorais que se integrarán nos equipos de investigación do CITIC. A axuda recibida enmárcase nas accións COFUND do programa marco de investigación e innovación Horizonte 2020 da Unión Europea, dentro das prestixiosas Accións Marie Sklodowska-Curie. O programa 3-i ICT conta con presuposto total de 1,3 millóns de euros e tamén contará con cofinanciamento da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e a Axencia Galega de Innovación (GAIN). Trátase do primeiro programa concedido a unha institución galega dentro da convocatoria europea MSCA-COFUND, que ten como obxectivo a creación e mellora de programas de formación integrais para impulsar a carreira investigadora, ofrecendo unha formación integral e excelente tanto en aspectos científicos como transversais. Este programa terá unha duración de cinco anos.

O novo persoal investigador, un total de oito investigadores/as predoutorais que se captarán a nivel internacional, desenvolverán as súas teses doutorais interdisciplinarias relacionadas coas liñas de investigación principais do CITIC: Intelixencia Artificial, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións, Servizos e Redes intelixentes, así como a área de investigación transversal, a Ciberseguridade.

O persoal investigador contratado será seleccionado tras un rigoroso proceso de selección. Poderá proceder de calquera país do mundo e deberá inscribirse nos Programas de Doutoramento da UDC afíns ás liñas de investigación do CITIC. As teses doutorais contarán cun elevado compoñente intersectorial e internacional, posto que incluirán estadías en recoñecidas universidades, así como en prestixiosos centros de investigación e empresas de dentro e fóra de España. Segundo o director do CITIC, Manuel F. González Penedo, “a obtención dun proxecto COFUND supón para o CITIC un gran logro a nivel institucional e permitiranos aliñar as políticas e programas de captación de talento investigador cos estándares establecidos pola Comisión Europea en materia de recursos humanos en investigación”. Tamén destacou que “constituirá unha mellora da excelencia científica, avanzando no posicionamento do centro a nivel internacional”.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC