A Coruña, 3 de setembro de 2025.- O próximo luns 8 de setembro arranca o novo curso na UDC, con máis de 13 300 matrículas nalgún dos 55 graos (8 deles de simultaneidade e 2 abertos) que oferta para o curso 25-26 a Universidade da Coruña. Desta cifra, un total de 3432 corresponden a novo alumnado. Concretamente, 2825 en Coruña e 607 en Ferrol. Datos aos que haberá que sumar nas próximas semanas as correspondentes a mestrados, dado que estas titulacións teñen abertos os seus prazos de preinscrición
Así, o 95% das prazas que ofrece este ano a Universidade quedaron cubertas antes da sexta quenda de chamamento. En total cubríronse por completo 45 das 55 titulacións. En Ferrol dos 14 títulos que ofrece, 12 xa están pechados e 7 deles teñen unha nota superior ao ano anterior. De xeito similar, na Coruña, 36 dos 41 títulos totais están xa pechados e un terzo dos mesmos incrementaron substancialmente a nota de acceso, algúns con ata 3 puntos por enriba, como Arquitectura Técnica. Un eido no que destaca a recuperación total de matrícula en titulacións que no seu momento se viron afectadas pola crisis da construción, como foron os graos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos ou das escolas de Arquitectura Técnica e Arquitectura Superior. Todas elas veñen de acadar os seus límites de prazas.
Neste sentido, desde a Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización destácase que, en consonancia coa tendencia dos últimos anos, a universidade estaría en disposición de captar máis alumnado se se autorizasen máis prazas naqueles graos nos que se está a ver un incremento continuado da demanda, tales como Enfermaría, Fisioterapia, Náutica e Transporte Marítimo, Estudos de Arquitectura, Arquitectura Técnica, Ciencia e Enxeñaría de datos, Intelixencia artificial, Enxeñaría mecánica e Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento de Produto.
Tendo en conta a diferente demanda, tanto formativa como social e produtiva, de cara ao próximo ano será necesario avanzar na revisión e ampliación do catálogo de titulacións, de modo que se poida ir actualizando e adaptando ás necesidades actuais e ás previsións futuras. Unha análise que se está a facer tendo en conta as potencialidades da UDC, no marco da súa autonomía universitaria e en coordinación coas universidades públicas do SUG.
A intensificación da internacionalización da Universidade da Coruña, que comezou hai meses coa aprobación dunha estratexia dirixida a impulsar a mobilidade e a incrementar a presenza internacional da UDC, tanto a nivel docente como investigador, será un dos eixos de traballo neste novo curso. Neste senso hai que lembrar a Alianza de Universidades Europeas EMERGE e os diferentes acordos que veñen de asinarse coas universidades latinoamericanas, moi especialmente de Arxentina e de Chile, co obxecto de acadar titulacións dobres e expandir a presenza da UDC na rexión. Tamén se potenciará o traballo conxunto coa lusofonía e, en particular, coas universidades da rexión Norte de Portugal.
Para o primeiro cuadrimestre deste curso está previsto que 488 estudantes procedentes de Universidades estranxeiras veñan a estudar á UDC e que 431 estudantes da UDC saian a estudar ao estranxeiro. A maioría destas mobilidades están enmarcadas ao abeiro do programa Erasmus+.
O eido da investigación seguirá a ser un dos eixos a reforzar, tanto no que respecta á captación de fondos con novos proxectos, como incorporando novo talento de excelencia. Neste sentido, estase a impulsar a labor das Oficinas de Captación de Talento Investigador (OCPI) e da Oficina de Transferencia de Coñecemento (OTC).
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC