A UDC e a UC3M organizan na Coruña o 16th European Coating Symposium sobre recubrimentos e películas líquidas delgadas

Nota de prensa

12/09/25 10:35

  • Institucional
  • Do 16 ao 18 de setembro, o Paraninfo da Universidade da Coruña acolle, por primeira vez no sur de Europa, a 16.ª edición bianual do European Coating Symposium (ECS 2025). 
  • O encontro, organizado conxuntamente pola Universidade Carlos III de Madrid (UC3M) e a Universidade da Coruña (UDC) a través do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol, reúne persoal investigador experto en procesos de recubrimento e películas líquidas delgadas.

 

Ferrol, 12 de setembro de 2025.- O vindeiro martes, 16 de setembro, o Paraninfo da Universidade da Coruña acollerá a 16ª edición do European Coating Symposium, un congreso internacional bianual de referencia en procesos de recubrimento e películas líquidas delgadas.

Nesta edición, o European Coating Symposium celebra o seu 30.º aniversario e, por primeira vez, organízase no sur de Europa. A Universidade da Coruña exerce como institución anfitrioa e coordina o evento xunto coa Universidade Carlos III de Madrid. Esta colaboración institucional reforza os lazos científicos e tecnolóxicos entre ambas as dúas universidades e pon de relevo a calidade da investigación española no ámbito dos recubrimentos e das películas líquidas delgadas.

 

Á vangarda en recubrimentos e películas líquidas

A elección da Coruña como sede do ECS 2025 reflicte o nivel de excelencia dos grupos de investigación estatais no campo dos recubrimentos.

“O grupo de Mecánica de Fluídos da UC3M leva anos traballando en temas afíns (teoría da lubricación, recubrimentos, evaporación de pingas etc.). É unha honra poder atraer a este congreso algunhas das persoas máis activas e que máis contribuíron a estes campos nos últimos anos”, destaca Javier Rodríguez, do Grupo de Mecánica de Fluídos da UC3M, quen exerce como codirector do comité organizador xunto á UDC.

 

Organización desde o Campus Industrial de Ferrol

Por parte da UDC, a dirección local do evento provén do Campus Industrial de Ferrol, a través do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais. A investigadora do Grupo Integrado de Enxeñaría (GII), Anne Gosset, dirixe o congreso en coordinación coa universidade madrileña e un equipo formado por Ana Ares, Marcos Lema, David Barreiro e Leandro Alejo Rodríguez.

 

Programa e axenda científica

Durante tres días, do 16 ao 18 de setembro, o ECS 2025 reunirá 75 participantes, 50 relatorios, 10 pósteres e sete conferencias plenarias, ademais dunha exposición comercial. O programa abrangue temas como a distribución e secado de materiais líquidos, a impresión dixital de capas finas, a fabricación aditiva e o desenvolvemento de recubrimentos funcionais con aplicación en sectores como a enerxía solar, a biomedicina, a industria naval e os materiais avanzados. Ademais, incluirá investigacións sobre fluxos de fluídos a micro e nanoescala, como a impresión por inxección de tinta (inkjet) ou a formación de aerosois.

As conferencias plenarias (keynotes) correrán a cargo de especialistas de prestixio internacional:

  • Tatyana Gambaryan-Roisman (TU Darmstadt, Alemaña), especialista en transporte interfacial e fenómenos complexos de molladura, que estuda como os líquidos se comportan e estenden sobre as superficies.
  • Marc Pascual (Hummink, Francia), centrado en tecnoloxías de impresión capilar e desenvolvemento de tintas de alta precisión que permiten depositar capas moi finas de material con precisión.
  • Ignacio Pagonabarraga (Universitat de Barcelona, España), experto en materia branda e sistemas fóra do equilibrio que analiza como líquidos e partículas interactúan en condicións cambiantes.
  • Youssef Saade (Canon Production Printing, Países Baixos), investigador en dinámica de gotas e fluxos interfaciais aplicados a recubrimentos, fundamentais para a aplicación uniforme de recubrimentos.
  • James Sprittles (University of Warwick, Reino Unido), recoñecido polo seu traballo en modelaxe matemática de fluxos a micro e nanoescala, que axuda a predicir como se comportan as películas líquidas en procesos industriais.
  • Laurence Talini (CNRS & Saint-Gobain Recherche, Francia), especialista en fenómenos de transferencia e interaccións interfaciais a pequena escala, esenciais para optimizar a eficiencia dos recubrimentos.
  • Hadj Benkreira (University of Bradford, Reino Unido), referente en control da uniformidade de recubrimentos líquidos e procesamento de polímeros, para garantir que as capas aplicadas cumpran a súa función correctamente.

 

Transferencia de coñecemento e colaboración público-privada

A organización do ECS 2025 na Coruña pon en valor a capacidade do Campus Industrial de Ferrol e do CITENI para liderar investigacións de alto nivel en recubrimentos e películas líquidas delgadas. A experiencia do seu persoal investigador sitúa Galicia no mapa internacional como un referente en innovación aplicada á industria e á ciencia de materiais.

“Un dos aspectos máis relevantes do congreso é a combinación de investigacións de carácter fundamental con outras de aplicación directa. É un reflexo da estreita colaboración entre a industria e o mundo académico no campo dos recubrimentos e acabados. Esa é, precisamente, a vocación do Campus Industrial de Ferrol e tamén do CITENI: impulsar e consolidar esta colaboración público-privada”, explica Anne Gosset, investigadora responsable da organización local.

Máis información sobre o programa e as persoas relatoras está dispoñible na web oficial do congreso: https://ecs2025.org.

 

Foto: Imaxe do Laboratorio de Polímeros Funcionais do CITENI.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC