A UDC e Oracle impulsan o talento feminino STEM na Coruña

23/02/26 10:12

ORACLE FOR GIRLS

O vindeiro 7 de marzo, no marco da conmemoración do Día Internacional da Muller (8 de marzo), a Universidade da Coruña e Oracle, nunha iniciativa impulsada pola vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade da UDC, organizan unha xornada pensada para achegar a tecnoloxía ás novas xeracións e seguir avanzando cara a unha maior igualdade no ámbito STEM.

A actividade está dirixida a nenas e mozas e busca espertar vocacións en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, amosándolles desde idades temperás que o mundo tecnolóxico tamén é o seu lugar. A idea é achegarlles o ambiente universitario, descubrirlles novas posibilidades de futuro e visibilizar as oportunidades profesionais dun sector con enorme demanda laboral no que aínda fan falta máis referentes femininos.

Durante a xornada realizaranse obradoiros de programación, robótica, intelixencia artificial e outras tecnoloxías emerxentes, cun enfoque totalmente práctico: experimentar, crear e aprender mentres se divirten. Ademais, tamén haberá sesións informativas para as familias, nas que poderán coñecer mellor as opcións formativas STEM e a oferta académica da UDC.

A actividade conta coa colaboración de entidades comprometidas co impulso do talento feminino e coa igualdade de oportunidades no ámbito tecnolóxico: a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o Concello da Coruña, a Cátedra ALDABA WIB e Code Monsters, empresa encargada de desenvolver os obradoiros.

Se tes entre 4 e 16 anos, anímate a participar! Actividade de balde, prazas limitadas!

Máis información e inscricións

Publicado por: Emprego