A UDC consegue preto de tres millóns de euros para adquisición de equipamento científico da convocatoria do MINECO

Nota de prensa
17/10/19 14:40
  • Institucional

A Coruña, 17 de outubro de 2019.- O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (MINECO) vén de facer pública a resolución provisoria da convocatoria de adquisición de equipamento científico-técnico do ano 2019, na que a Universidade da Coruña consegue preto de tres millóns de euros para infraestruturas de investigación.

Entre as infraestruturas destacadas subvencionadas con cargo a estas axudas está a destinada ao Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e a Comunicación, CITIC, que permitirá triplicar as posibilidades de computación que será de gran apoio aos grupos de investigación e aos estudantes de graos como o de Informática e o de Ciencia e Enxeñaría de Datos, implantado recentemente.

Tamén se concederon outras singulares das que se beneficiará o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas, CICA, ou outra para un proxecto que prevé facer unha zona verde de humedais na zona do campus de Elviña onde participarán grupos de investigación do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil, CITEEC, e a propia Oficina de Medio Ambiente da UDC. As outras infraestruturas subvencionadas están ligadas a grupos de investigación do CITEEC, CICA e aos Servizos de Apoio á Investigación.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC