A UDC consegue financiamento para un Doutoramento Industrial Europeo

Nota de prensa

19/06/18 14:22

  • Institucional

A Coruña, 19 de xuño de 2018.- A Unión Europea a través do programa H2020 financiará cun millón e medio de euros unha proposta de Doutoramento Industrial Europeo presentada polo catedrático de Matemática Aplicada da Universidade da Coruña Carlos Vázquez Cendón.

O Doutoramento Industrial é unha nova forma de facer o Doutoramento e consiste en desenvolver un proxecto estratéxico de investigación dentro dunha empresa na que o doutorando desenvolverá a súa formación e que se materializará na súa tese de doutoramento. Neste caso, o novo Doutoramento Industrial Europeo ABC-EU-XVA enmárcase no ámbito da matemática financeira e as finanzas computacionais, orientándose a un tema de gran actualidade tras a crise financiera como é o axuste de valoración motivado pola presenza do risco de contrapartida. O prezo do conxunto destes axustes coñécese como XVA. O doutorando realizará a súa formación e investigación de doutoramento nesta temática en ABANCA, compatibilizando os aspectos académicos e industriais, todo iso nun ambiente altamente internacional pois ao ser un proxecto europeo, o doutorando ten que realizar a súa estadía nunha empresa dun país diferente ao da súa universidade, polo que ABANCA recibirá un doutorando da Universidade de Delft mentres que os dous doutorandos da UDC que figuran neste proxecto irán, un a Ernst&Young, en Holanda; e o outro a Unipolsai, en Italia.

Esta mañá, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, así como o catedrático de Matemática Aplicada, Carlos Vázquez Cendón, e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, reuníronse na Reitoría cos representantes de ABANCA José Manuel Valiño e Manuel Rodríguez, para poñer en marcha o proxecto.

A entidade financeira ABANCA acollerá durante 18 meses a un dos doutorandos inscritos na universidade holandesa de Delft para desenvolver a súa tese de doutoramento, ademais de participar nas actividades formativas do proxecto. A proposta da UDC foi valorada con 98 puntos sobre 100 polos avaliadores europeos e nela participan como beneficiarios académicos ademais da UDC, o prestixioso centro de investigación CMW de Amsterdam, a Universidade de Delft, a Universidade de Bolonia e a Universidade Libre de Bruxelas. Ademais de Abanca, como participantes industriais están o Banco Santander, Rabobank de Holanda, Belfius Bank de Bélxica, Unipolsai de Italia e a consultora global Ernst&Young, actuando a consultora española ALMIS como partner.

Os doutorandos seleccionados deben cumprir certas regras de mobilidade internacional e estarán a metade do seu contrato traballando na súa tese na sede dos participantes industriais nun país distinto ao da súa universidade. O proxecto está financiado cun millón e medio de euros, do que algo máis de medio millón será para a UDC para cubrir os gastos das actividades do proxecto e os contratos dos doutorandos adscritos á UDC. No panel de Matemáticas, a UE financiou só tres proxectos en toda a convocatoria MSCA de 2018, un indicador da alta competividade.

Esta é a segunda das propostas da UDC seleccionadas na altamente competitiva convocatoria MSCA de European Industrial Doctorates, xa que hai catro anos seleccionou o proxecto Doutoramento Industrial Europeo WakeUpCall que finaliza en decembro deste ano, cun financiamento similar ao actual.

Carlos Vázquez Cendón coordina o grupo de investigación Modelos e métodos numéricos en enxeñaría e ciencias aplicadas, do Departamento de Matemáticas da Universidade da Coruña, e conta cun alto grao de éxito neste tipo de convocatorias, xa que ademais dos doutoramentos industriais WakeUpCall e ABC-EU-XVA, o profesor Andrés Prieto, deste mesmo grupo de investigación, supervisa outro doutorando inscrito na UDC no EID ROMSOC, obtido en 2017, e no que participa o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI). En ABC-EU-XVA participarán ademais os profesores Íñigo Arregui, Ana Ferreiro e José Antonio García tamén deste grupo de investigación.

 

 

Publicado por: Gabinete de comunicación da UDC