A UDC celebra o Día das Universidades Saudables con actividades na Coruña e Ferrol

Nota de prensa
3/10/18 14:08
  • Institucional

A Coruña, 3 de outubro de 2018.- A Universidade da Coruña celebra mañá, xoves, 4 de outubro, o Día das Universidades Saudables con actividades nas cidades da Coruña e Ferrol.

No salón de actos da Fundación Once, Cantón Grande, A Coruña, ás 19:30 horas, impartirase a primeira conferencia da Cátedra HM de Traumatoloxía do Deporte, que dirixe o profesor Javier Cudeiro. “Traballo en equipo no deporte de rendemento: roles e competencias profesionais para o éxito deportivo” é o título da conferencia que impartirá a fisioterapeuta e profesora de Ciencias do Deporte da FPCEE Blanquerna da Universidade Ramón Llull, a doutora Mónica Solana-Tramunt.

 En Ferrol, na sede de Afundación (praza da Constitución) ás 12:00 horas, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres; a decana da Facultade de Enfermería e Podoloxía, Natalia Sobrido; a directora do Departamento de Ciencias da Saúde, María Jesús Movilla; e o director de UDC Saudable, Sergio Santos, inaugurarán o programa de  actividades de UDC Saudable que se desenvolverán ao longo do mes en diversos centros da Universidade.

A continuación, darán paso ao coloquio “Impacto da pseudociencia na saúde”, moderado polo profesor Francisco Alonso Tajes e que contará coa participación de:

Deborah García Bello. Licenciada en Química e divulgadora científica. Membro da Sociedad Española de Comunicación Científica. Autora de libros de divulgación científica: “Todo es cuestión de química...y otras maravillas de la tabla periódica”. “¡Que se le van las vitaminas! Mitos y secretos que solo la ciencia puede resolver”.

Xurxo Mariño Alfonso. Licenciado en Bioloxía, neurocientífico e divulgador científico. Autor de libros de divulgación científica: “El misterio de la mente simbólica”. “Cerebro, lenguaje y evolución”. “Tierra”. “Ciencia, aventuras y sorpresas de un viaje alrededor del mundo”. “Neurociencia para Julia”.

Manuel F. Herrador Barrios. Enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos e divulgador científico. Membro do Círculo Escéptico e da “Asociación para Proteger al Enfermo de Terapias Pseudocientíficas”.

Más información e resto de actividades: https://goo.gl/5sZLLb

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC