A Coruña, 24 de outubro de 2025.- A Facultade de Dereito da UDC acolleu hoxe a xornada de benvida ao profesorado axudante doutor. Un encontro no que estiveron as vicerreitoras de Profesorado e de Igualdade e Diversidade, Teresa López Fernández e Cristina López Villar, respectivamente, ademais do vicerreitor de Titulacións e Internacionalización, Moisés Canle.
Este acto de benvida serviu para dar a coñecer distintos aspectos de interese para as persoas recentemente incorporadas. Así, Teresa López explicou as características da figura de axudante doutor no marco normativo da LOSU e as novidades que introduciu esta lei, como a realización dun plan de formación docente e dunha avaliación intermedia. A vicerreitora expuxo tamén as condicións que ofrece a UDC para o desenvolvemento da carreira docente e investigadora e manifestou o compromiso coa estabilización do profesorado axudante doutor a través das correspondentes convocatorias de prazas permanentes. Concluíu a súa intervención facendo un chamamento á participación na vida universitaria en todas as súas dimensións.
No caso da Vicerreitoría de Igualdade e Diversidade, a súa titular, Cristina López Villar, lembrou, entre outros temas, a importancia do uso do galego na docencia, neste momento de emerxencia lingüística, así como a existencia dos recursos para o profesorado vinculados a diferentes departamentos. Ademais, Ana Neira Pena, directora da Oficina para a Igualdade de Xénero explicou o protocolo de acoso da UDC, tentando sensibilizar sobre a importancia de corrixir as actitudes sexistas na universidade.
Pola súa banda, Moisés Canle, vicerreitor de Titulacións e Internacionalización, comentou algúns dos aspectos máis relevantes relacionados coas competencias da súa vicerreitoría: cuestións relativas aos títulos da UDC e a súa organización académica, aspectos relacionados coa calidade, oportunidades de formación permanente, programas de mobilidade existentes e modo de acceso aos mesmos, docencia en idiomas, e principais características das alianzas universitarias nas que participa a UDC (EMERGE, UNISF). Para rematar, fixo un chamamento á participación en todos os procesos mencionados.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC