A Coruña, 30 de setembro de 2025.- A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) acaba de dar a coñecer os nomes das cinco persoas galardoadas coas Medallas de Investigación este ano. Das cinco, tres son persoal investigador da Universidade da Coruña. Trátase de Francisco J. Blanco e Mª Carmen Veiga, do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), e Nieves Rodriguez, do Centro de Investigación TIC (CITIC); as outras dúas pertencen á Universidade de Vigo, Laura Carballo, Juan Mª Pou.
Esta distinción valora as traxectorias singulares e consolidadas en investigación, desenvoltas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas. A entrega dos galardóns terá lugar no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, o vindeiro 8 de outubro en Santiago.
Francisco Blanco usa a IA para mellorar o diagnóstico e tratamento das doenzas reumáticas
Francisco J. Blanco García (Cee, 1963) recibe a medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC. É unha figura distinguida na Medicina española e referente internacional no campo da Reumatoloxía, catedrático de Reumatoloxía da Universidade da Coruña, xefe da Sección de Reumatoloxía Clínica e Traslacional no CHUAC. Lidera o Grupo de Investigación en Reumatoloxía, con máis de 10 millóns de euros captados nos últimos 5 anos. Está a impulsar a aplicación de tecnoloxías computacionais avanzadas relacionadas co Big Data e a IA para personalizar o diagnóstico e o tratamento das doenzas reumáticas, anticipándose á súa progresión e optimizando as posibles intervencións terapéuticas. É investigador principal de máis de 100 proxectos de investigación clínica en enfermidades reumáticas, coautor de 8 patentes e de máis de 1.000 publicacións científicas, membro do comité directivo da Sociedade Mundial de Investigación en Osteoartrite, experto da Axencia Española de Medicamentos e experto na Área de Enfermidades Reumáticas na Axencia Europea de Medicamentos. En 2017 foi recoñecido como o mellor investigador mundial en osteoartrite, sendo o primeiro e único español e o quinto europeo en recibilo.
“Para min é unha honra inmensa, un recoñecemento a unha traxectoria persoal e, sobre todo, ao traballo do meu grupo de investigación GIR-S, formado por un gran número de excelentes investigadores, compañeiros reumatólogos e pacientes que compartiron comigo esta aventura científica. Esta Medalla reforza o modelo de investigación construído en torno ao triángulo UDC-INIBIC-CHUAC, que xa demostrou ofrecer excelentes resultados na xeración de coñecemento e na súa aplicación clínica” -manifesta o investigador-.
Nieves Rodríguez, experta no procesamento de grandes volumes de datos
A medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, recaeu na catedrática de Ciencias da Computación da Universidade da Coruña Nieves Rodríguez Brisaboa (A Coruña, 1957). Conta cunha traxectoria investigadora de máis de 30 anos no eido dos algoritmos e estruturas de datos compactas para o procesamento de grandes volumes de datos -en 1996 creou o Laboratorio de Bases de Datos-, así como unha liña de investigación en Sistemas de Información Xeográfica. Neste campo dirixiu os traballos de creación do SIX da Deputación da Coruña, a Biblioteca Virtual Galega, a Viaxe Virtual por Galicia, a Hemeroteca Virtual da RAG, a Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais -sistema utilizado por distintas Deputacións españolas para xestionar o seu extenso inventario de activos nos ámbitos do transporte, subministración de auga e electricidade, edificios públicos, servizos e elementos de urbanismo-, ou o sistema de administración electrónica para o IGVS, entre outros. En 2019 recibiu o Premio Nacional de Informática da SCIE-BBVA. Dirixiu 44 contratos con empresas nacionais e internacionais -Indra, Yahoo, Grupo Prisa…-, administracións e organizacións sociais e culturais cun orzamento de máis de 3,7 millóns de euros. En 2003 promoveu a creación da spin-off Enxenio, con máis de 40 traballadores e un volume de ingresos superior aos 2 millóns de euros.
“Cada vez que se lle recoñece a unha muller a excelencia nun eido onde aínda poucas destacaron, contribúese a incrementar as vocacións femininas nese ámbito. Coa gran falta de mulleres nas disciplinas STEM en xeral e en Informática en particular, espero que esta medalla, que por primeira vez se lle concede a unha muller no campo das Matemáticas, Física e Informática, axude a abrir este camiño a máis mulleres no futuro” -salienta-.
Mª Carmen Veiga recupera das augas residuais compostos de alto valor comercial como bioplásticos ou biocombustibles
Mª Carmen Veiga Barbazán (Brión, 1959), catedrática de Enxeñaría Química da Universidade da Coruña, recibe a medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía. Investiga en biotecnoloxía ambiental, en particular no tratamento de augas residuais, a valorización de residuos sólidos e a depuración de efluentes gasosos mediante procesos biotecnolóxicos sostibles. Desenvolve procesos eficientes para eliminar contaminantes, que permitan obter un efluente final de mellor calidade, cun menor custo económico e menor consumo enerxético; e recupera compostos de alto valor comercial como bioplásticos ou biocombustibles. Así mesmo, busca a transferencia de tecnoloxías innovadoras ao sector industrial, así como a aplicación dos resultados científicos e o asesoramento técnico na optimización de plantas depuradoras de augas residuais urbanas e industriais. Ten rexistradas dúas patentes nacionais, unha sobre a produción de biopolímeros a partir de residuos da industria cervexeira e outra sobre a bioconversión de gases residuais en bioetanol. Forma parte da World’s Top 2% Scientist List que publica a Universidade de Stanford e que recoñece aos científicos máis influentes do mundo.
“Para min este premio supón o recoñecemento a unha traxectoria profesional dedicada ao desenvolvemento de procesos avanzados de biotecnoloxía ambiental. O meu traballo céntrase na valorización de contaminantes presentes en augas, gases e residuos mediante biorefinería. Estes procesos contribúen á economía circular e á protección do medio, ofrecendo solucións innovadoras para a xestión sostible dos recursos” -sinala-.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC